A Asociación Trapero Pardo esixe explicacións sobre o uso dos edificios do Vello Xeral

LugoXa
“Vendéusenos no seu día que o Vello Xeral tería plena ocupación e acollería múltiples servizos, pero a realidade semella moi distinta”, afirman desde a asociación
Vello-Xeral-Lugo
24 Mar 2025

A Asociación Veciñal Trapero Pardo, do Barrio da Residencia en Lugo, fixo pública a súa preocupación e dirixiu unha serie de preguntas á Xunta de Galicia e ao seu delegado na provincia, en relación ao estado de uso dunha parte dos edificios do Vello Xeral.

Segundo denuncian desde a entidade veciñal, unha parte das instalacións, concretamente os edificios que dan á Rúa Serra de Outes, os que antigamente formaban parte do anexo da antiga Residencia, estarían actualmente sen ningún tipo de actividade, o que xera unha fonda inquedanza entre a veciñanza. “Vendéusenos no seu día que o Vello Xeral tería plena ocupación e acollería múltiples servizos, pero a realidade semella moi distinta”, afirman desde a asociación.

A situación sería especialmente grave, engaden, se se confirma que estes espazos permanecen sen uso mentres o centro carece de servizos fundamentais como Radioloxía completa, Matrona ou Pediatría. “Non ten sentido que existan edificios baleiros mentres faltan servizos básicos que afectan directamente á atención sanitaria da cidadanía”, sinalan.

Ademais, a Asociación Trapero Pardo amosou o seu malestar tras ter coñecemento de que a Xunta estaría organizando comidas dentro das instalacións sanitarias cun colectivo afín, polo que preguntan directamente ao delegado da Xunta en Lugo se outros colectivos do barrio tamén terán acceso a esas instalacións para os mesmos fins, e se contarán coa mesma colaboración institucional.

Por todo isto, o colectivo veciñal reclama transparencia, explicacións públicas e un uso eficiente dos recursos sanitarios, esixindo que se aclaren estes feitos e se garanta que as infraestruturas existentes se destinen realmente a cubrir as necesidades sanitarias da poboación.

0.18674206733704