Desde a Asociación Trapero Pardo do Barrio da Residencia, solicitan á Concellería de Vías, Obras e Infraestruturas do Concello de Lugo que inclúa nos orzamentos do ano 2025 a reparación de diversas rúas no Barrio da Cheda, que actualmente carecen de beirarrúas adecuadas para os peóns.
Entre as rúas máis afectadas, a Asociación menciona a Rúa Marqués de Hombreiro, onde, en sentido descendente, a media rúa os viandantes deben camiñar por un terreo de herba e terra ou polo carril bici, xa que a beirarrúa desaparece de forma abrupta.
De igual maneira, a Rúa Río Mandeo presenta un problema semellante, xa que, ao descender pola rúa, aproximadamente a metade do seu percorrido, queda sen beirarrúas, sen arcén e sen ningún tipo de protección para os peóns, o que supón un grave risco para a súa seguridade.
Ante esta situación, a Asociación Trapero Pardo insistiu na necesidade de realizar unha reforma integral do Barrio da Cheda, con especial atención a estas rúas mencionadas, que requiren unha solución urxente para garantir a seguridade e o benestar dos veciños e viandantes.
A solicitude subliña a importancia de que estas obras se inclúan nos orzamentos municipais do próximo ano para poder levar a cabo as reformas necesarias.