A Asociación Veciñal Alexandre Bóveda-Paradai coñece Italia nunha viaxe cultural
A Asociación Veciñal Alexandre Bóveda-Paradai neste mes de xuño realizou unha viaxe cultural a Italia. A visita realizada por algúns veciños comezou na bela cidade de Venecia, onde coñeceron o palacio Ducal, a Basílica de San Marcos, a Praza de San Marcos e fixeron un paseo en vaporetto e en góndola, tamén visitaron o Gran Canal, o Teatro La Fenice e na Fábrica de Cristal de Murano, onde asistiron a unha demostración en directo da realización por un artesán vidreiro con gran destreza dunha figura en cristal.
Tamén, na rexión de Véneto, achegáronse a Padua, na que destaca a Basílica de San Antonio. Continuando cara á rexión da Toscana, visitaron un dos pobos máis bonitos desta rexión italiana, San Gimignano, coñecido pola súa arquitectura medieval. Máis adiante foron a Pisa, onde coñeceron a historia do fermoso conxunto arquitectónico formado pola famosa torre inclinada, a catedral de Santa María e o baptisterio.
Despois percorreron a cidade de Florencia, capital da rexión da Toscana, núcleo do movemento artístico renacentista, con monumentos como o conxunto da Piazza do Duomo: a basílica de Santa María do Fiore, o baptisterio de San Juan, o campanile de Giotto. Ademais, puideron facer turismo polas prazas principais desta fermosa cidade, como a Piazza da Signora. Nos últimos días desta excursión estiveron no Vaticano e finalizaron a viaxe en Roma, a cidade eterna, podendo coñecer a Roma Barroca e Renacentista e a Imperial, Panteón ou Piazza Navona.