A asociación veciñal da Milagrosa reclama ao Concello o cumprimento da normativa nos solares do barrio

A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa de Lugo trasladou á Concellería de Medio Ambiente a situación de varios solares do barrio que, segundo sinalan, non cumpren coa normativa municipal en materia de peche e mantemento de leiras.
A entidade veciñal explicou que algúns destes terreos presentan carencias importantes, xa sexa por carecer dun cerramento axeitado ou pola presenza de maleza e falta de limpeza no seu interior.
Esta situación, advirten, non só deteriora a imaxe da zona senón que tamén favorece a acumulación de sucidade e posibles focos de insalubridade, afectando directamente á convivencia dos residentes.
Por todo iso, e en defensa da calidade de vida e do entorno urbano da Milagrosa, solicitan que desde a Concellería se requira aos propietarios destes solares o cumprimento da normativa vixente, tanto no relativo ao peche perimetral como ás tarefas de limpeza e mantemento.