A asociación veciñal de Piúgos renova a súa directiva

LugoXa
O tenente alcalde do Concello de Lugo e a concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza visitaron aos integrantes da asociación
xuntanza_asociación_piúgos
3 Xul 2024

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, visitaron aos integrantes da asociación veciñal de Piúgos, onde mantiveron un encontro coa nova directiva da asociación veciñal da zona co obxectivo de coñecer ás novas integrantes da directiva e "continuar a traballar da man do tecido veciñal de Lugo dentro das nosas áreas de goberno", explicou Rubén Arroxo.

Piúgos acolleu este ano un curso de restauración de mobles enmarcado no ciclo de obradoiros promovidos pola Tenencia de Alcaldía para as asociacións veciñais do rural no ano 2024. As distintas asociacións desfrutaron de cursos de distintas temáticas como poda, restauración, cociña, pandeireta ou repostería.

O tenente alcalde amosou o seu compromiso para "ampliar o alcance das asociacións con estes novos cursos que axudan a recuperar as actividades e os oficios da nosa cultura, e innovar noutros". Ademais, Rubén Arroxo insistiu no feito de que "dende o goberno municipal seguimos traballando para facer funcionar o tecido asociativo tamén a través das partidas orzamentarias" polo que, insiste, "tanto axudas económicas coma obradoiros conviven e danse ao mesmo tempo".

A área de Participación entregou o pasado ano un total 10.691,12 euros ás asociacións veciñais do concello de Lugo para executar proxectos relacionados co asociacionismo, o voluntariado e a participación cidadá, ademais de incluír gastos de mantemento e funcionamento necesarios para a realización das iniciativas. Rubén Arroxo destacou que "esta liña de subvencións permiten que as distintas asociacións veciñais de Lugo poidan manter a súa actividade ao longo do ano".

0.15111804008484