A asociación veciñal do Castiñeiro pide ao Concello a retirada de maleza que invade a rúa Poeta Díaz Castro

A Asociación de Veciños e Comerciantes Poeta Díaz Castro do barrio do Castiñeiro, integrada na Federación de Asociacións Veciñais da Provincia de Lugo Lucus Augusti, vén de solicitar formalmente á concellaría de Medio Ambiente do Concello de Lugo a limpeza da maleza acumulada na rúa Poeta Díaz Castro.
A través dun escrito, a entidade veciñal amosa a súa preocupación polo estado actual desta vía, sinalando que a maleza procedente dunha finca situada ao final da rúa está a invadir tanto a calzada como a beirarrúa.
A vexetación, que xa supera o muro da propiedade, espállase sen control, dificultando o paso de peóns e o estacionamento de vehículos.
Por este motivo, a asociación solicita unha actuación inmediata por parte dos servizos municipais para a retirada da maleza, como queda recollido nas imaxes que acompañan a súa reclamación.
Ademais, instan a que se notifique ao propietario da parcela a súa obriga de manter o terreo en condicións, evitando que a vexetación se estenda cara á vía pública.
Desde a entidade veciñal lembran que esta situación afecta á seguridade e accesibilidade da contorna, polo que consideran necesario que se tomen medidas canto antes.