A Asociación Veciñal Lugo en Pé denuncia o “lamentable estado” do leirapárking do HULA

A Asociación Veciñal Lugo en Pé... Na Defensa do Rural denunciou o “lamentable estado” no que se atopa o coñecido leirapárking do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), onde, segundo sinalan, "todo está cheo de charcos", xerando numerosas molestias ás persoas usuarias.
Desde a asociación aseguran que a situación actual do terreo é “desastrosa”, especialmente no que respecta ao pavimento, algo que quedou en evidencia durante os últimos días de choiva vividos na cidade. Os veciños denuncian que os charcos e lameiros se converteron en auténticas piscinas, provocando danos nos vehículos e constantes salpicaduras aos peóns que utilizan a diario este aparcadoiro.
Ante esta situación, o colectivo veciñal solicita que as administracións competentes tomen medidas urxentes. En concreto, piden que se drene o terreo e se aplique unha capa de zahorra ou grava, ou o material que se considere máis adecuado, co obxectivo de eliminar os charcos actuais e mellorar as condicións do aparcadoiro.
A asociación lembra que este espazo é utilizado diariamente por centos de persoas, moitas delas con mobilidade reducida, e considera “inadmisible que esta situación continúe en pleno 2025”.