A asociación veciñal Os Seis Muíños de Lugo mellora o seu local social
A asociación veciñal Os Seis Muíños do concello de Lugo mellora o seu local social situado en Santalla de Lamas. A Xunta achegou 14.500 euros para realizar os traballos. O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, comprobou o resultado dos labores, que se levaron a cabo no exterior do recinto.
A actuación consistiu na construción dunha soleira de formigón e na habilitación de dúas prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida. Arias lembrou que a Xunta colabora coas entidades veciñais e de mulleres rurais para axudarlles a levar a cabo melloras nos seus locais sociais e dotalas do equipamento necesario co que realizar a súa actividade.
O ano pasado, 304 entidades veciñais galegas resultaron beneficiarias da convocatoria de subvencións da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes para colaborar con estes colectivos. Na provincia de Lugo, con cargo a esa orde distribuíronse máis de 307.000 euros entre 36 agrupacións.