A asociación veciñal Porta de Lugo reclama máis prazas de aparcadoiro no Sagrado Corazón

A Asociación Veciñal Porta de Lugo, que representa ao barrio do Sagrado Corazón e forma parte da Federación de Asociacións Veciñais da Provincia de Lugo “Lucus Augusti”, trasladou a súa preocupación pola escaseza de prazas de aparcamento que afecta desde hai anos aos residentes, comerciantes e ás persoas que diariamente acoden a esta zona da cidade.
Segundo a entidade, a falta de espazos para estacionar non só complica a vida cotiá dos veciños, senón que tamén contribúe á congestión do tráfico no barrio. Por iso, solicitaron ao Concello de Lugo que valore a creación de novas prazas de aparcamento para aliviar esta situación.
Como medida prioritaria, a asociación pediu que se inicien conversacións coas persoas propietarias dun solar situado na rúa Venancio Serra, actualmente sen uso, para habilitar ese espazo como aparcamento público.
Esta proposta, segundo destacaron, permitiría aliviar de maneira inmediata a presión sobre o estacionamento na zona e mellorar a mobilidade tanto dos veciños como dos visitantes.