A Asociación Veciñal Porta de Lugo reclama máis servizos e melloras no Barrio do Sagrado Corazón

LugoXa
Solicitan reforzar o firme das rúas do entorno máis céntrico do barrio, concretamente na zona do vello colexio, centro de saúde e centro social
Edificios-Ocupados-Sagrado-Corazón
13 Jun 2025

A Asociación Veciñal Porta de Lugo, que representa ao Barrio do Sagrado Corazón e forma parte da Federación de Asociacións Veciñais da Provincia de Lugo Lucus Augusti, vén de facer varias demandas importantes para mellorar a calidade de vida do seu barrio.

Entre as principais peticións destaca a mellora do servizo de autobús, que consideran peor que o anterior. Antes, o bus número 7 levaba á xente do Sagrado Corazón ata o Cemiterio e o 7A ata a Universidade (Campus), pero agora só dispoñen do bus número 13, que ofrece moitos menos servizos. Por iso, reclaman que se recuperen os servizos anteriores.

Tamén solicitan unha capa de aglomerado para reforzar o firme das rúas do entorno máis céntrico do barrio, concretamente na zona do vello colexio, centro de saúde e centro social, así como o pintado dos pasos de peóns, xa que algúns están en mal estado.

O aparcadoiro é outro problema grave para o barrio, xa que moitas casas non dispoñen de garaxe. Por este motivo, piden ao Concello de Lugo que negocie coa propietaria dun solar grande situado subindo pola Avenida Adolfo Suárez pola rúa Venancio Senra, onde se fan as festas do barrio, para poder utilizalo como aparcadoiro público.

Ademais, os veciños reafirmaron a súa petición á Xunta de Galicia para que dote de servizos públicos as instalacións do vello Colexio (ABANCA). Nunha recente asemblea, acordaron solicitar que se habiliten neste espazo un centro de saúde, un centro social para reunións veciñais e unha garda infantil, algo moi necesario para o barrio.

⚙ Configurar cookies
0.16405081748962