A Banda de Música de Antas de Ulla cumpriu 125 anos
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a Deputada de Réxime Interior, promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participaron no peche dos actos conmemorativos do 125 aniversario da Banda de Música de Antas de Ulla, cos que colabora a institución provincial con achegas que suman preto de 36.000 euros. A gala central do aniversario da formación, celebrada na Praza Nova do Concello, acolleu un concerto da Banda de Música de Antas e a presentación da exposición 125 anos resoando no corazón de Galicia, que percorre a historia da agrupación dende os seus comezos.
“Para a Deputación de Lugo é un orgullo colaborar cos actos conmemorativos dun feito histórico, como é o 125 aniversario da Banda de Antas de Ulla, e, especialmente, é un orgullo organizar a exposición que percorre a traxectoria desta formación musical, para que a poidan desfrutar todos e todas vostedes, todos os veciños e veciñas de Antas, da comarca e tamén os que nos visiten”, indicou o presidente.
Tomé Roca salientou que a mostra que se inaugurou “é unha proba do cariño co que Antas coida das súas tradicións, un cariño e unha dedicación que mantén viva durante tanto tempo unha banda de música de calidade exemplar, como están demostrando”. Nas súas palabras loou o traballo feito polas diferentes persoas que conformaron e conforman esta agrupación musical dende a súa fundación, porque “o seu esforzo, a súa constancia e a súa ilusión son o fío condutor de toda esta exposición, que, falando da Banda de Música, fala tamén da historia de Antas, e fala dos desexos de prosperidade de todo un pobo ó longo da nosa historia contemporánea”, recoñeceu publicamente o mandatario provincial.
Lembranza por parte do presidente para á veciñanza de Antas de Ulla, porque “sodes, sen dúbida, un concello volcado na cultura. Un concello no que a Banda funciona a partir das achegas dos veciños e veciñas, dos socios e socias, que, coa súa contribución, manteñen vivo este fermoso proxecto que achega a cultura a todos e supón un paso importante na formación cultural dos máis novos”.
“Unha banda de música é unha manifestación cultural dinámica, chea de posibilidades, e a de Antas é un bo exemplo. Nas bandas perviven as nosas tradicións e as obras dos autores galegos consagrados, pero as bandas de música tamén achegan ás vilas obras do repertorio clásico universal, levando a cultura a todos e todas no rural”, manifestou.
Un convite especial
Tomé Roca aproveitou este día tan especial para a Banda de Música de Antas de Ulla para convidala a participar na inauguración do Parque Central de Galicia, un novo espazo público que a institución provincial está construíndo na parroquia de Nugallás. “Faremos unha inauguración á altura do que merece este proxecto e do que merece o concello de Antas, que será un día de festa para todos e espero contar coa vosa presenza”, indicou o Presidente.
Fixou a data de inauguración a finais do 2022 ou principios do 2023, dependendo sobre todo, dixo, da axilidade coa que se concedan os permisos e licenzas por parte do concello ulloán. E concretou xa a súa petición: “vaian vostedes preparando algunhas pezas musicais para a ocasión, pero eu xa lle encargo unha, que a min me gusta moito, que é o Himno do Antigo Reino de Galicia”.
A Deputación, comprometida coa agrupación
A institución provincial colabora con 18.000€ coa Banda para a celebración dos distintos actos conmemorativos e, ademais, organiza a exposición, e a edición dun libro e de dous vídeos que documentan o percorrido da historia da formación. A mostra -que conta cunha achega de 18.000€ da institución provincial- inclúe sete monolitos con imaxes da Banda que ilustran a cronoloxía destes 125 anos. A Deputación axudará tamén na edición de 1.000 exemplares do libro e na divulgación dos vídeos, que foron realizados polo Servizo de Audiovisuais da institución provincial.
A Banda de Música de Antas de Ulla fundouse en 1896 e mantivo de forma ininterrompida a súa actividade ata a Guerra Civil, cando se disolveu, retomándose o proxecto a principios dos anos 80. Trátase dunha das formacións máis antigas de Galicia e é unha embaixadora de primeiro nivel para a promoción da provincia de Lugo, que axuda a dinamizar o concello de Antas e pon en valor as tradicións e a cultura da provincia.
Máis colaboracións con Antas
A Deputación de Lugo xa comezou as obras do proxecto do Parque Central de Galicia que creará no centro xeográfico de Galicia, en Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante do concello de Antas de Ulla. Esta mesma semana arrancaron as obras de estacionamento e mellora viaria do espazo público, traballos que supervisaron o Presidente e a Deputada García Porto, ademais de comprobar os labores de destoconado realizados nas parcelas destinadas ao Parque Central de Galicia. Este proxecto é unha aposta pola promoción, o turismo e a economía do concello, da comarca da Ulloa e da provincia.