A Banda de Música de Antas de Ulla segue a celebrar os seus 125 anos de vida
A Banda de Música de Antas de Ulla que se fundou no ano 1896 e mantivo de forma ininterrompida a súa actividade ata a Guerra Civil, cando se disolveu, retomándose o proxecto a principios dos anos 80. Trátase dunha das formacións máis antigas de Galicia.
No 2021 celebrou o seu 125 aniversario, celebración que se estende ata o día 5 de febreiro cando ofrecerán un concerto baixo o nome Unha historia que contar que pretende homenaxear os anos de vida da agrupación.
A banda de Antas é unha embaixadora de primeiro nivel para a promoción da provincia de Lugo, que axuda a dinamizar o concello e pon en valor as tradicións, a cultura e o talento da provincia.
Esta cita que dará comezo ás 19.00 horas na praza nova de Antas de Ulla aproveitarase tamén para facer a presentación do libre conmemorativo do 125 aniversario da banda.
A entrada será libre ata completar o aforo.
Unha traxectoria de 125 anos como a que ten a banda de música de Antas de Ulla, demostra a calidade do traballo realizado por parte dos seus integrantes. Demostra que hai un gran labor detrás, pero tamén moita ilusión, constancia, vocación artística, amor pola música, e moitas ganas de poñer en valor as tradicións e cultura.