A Banda de Música volve quedar sen director ao pedir este unha excedencia tras tres meses no cargo

LugoXa
O Concello estimará a excedencia por prestación de servizos solicitada polo director da Banda Municipal de Música de Lugo, David Fiuza
david fiuza director banda musica lugo
12 Out 2021

O Concello de Lugo estimará a excedencia por prestación de servizos solicitada polo director da Banda Municipal de Música de Lugo, David Fiuza, tras obter este a praza de Director da Banda de Música Municipal de Santiago, que pasará a ocupar este mes cun contrato de alta dirección durante dous anos.

O director tomara posesión do seu cargo en Lugo o pasado mes de xullo, “tempo no que desenvolveu un corto pero intenso e excelente traballo tanto na Banda como na Escola de Música”, destacan dende o Concello, que lembrou que “a excedencia é un dereito que ten como traballador”.

O músico de Vila de Cruces obtivo a praza lucense tras participar no proceso selectivo convocado pola área de Recursos Humanos, unha oposición de acceso libre na que se esixía como requisito imprescindible a titulación superior de Música ou equivalente na especialidade de dirección de Orquestra, expedido polo Conservatorio Oficial de Música.

A gran profesionalidade de David Fiuza queda de manifesto, ademais de por superar o proceso selectivo de Lugo e Santiago, este último dunha duración de dous anos en servizos especiais, en que tamén foi reclamado polo Concello de A Coruña, previo acordo con el, para a súa incorporación á Banda Municipal da cidade herculina en comisión de servizos, denegándose esta comisión, tamén por dous anos, ante o informe desfavorable emitido polo servizo de Cultura.

A área de Gobernanza procederá agora a chamar á segunda das persoas que aprobou o proceso selectivo de director da Banda de Música Lugo para cubrir este posto en comisión de servizos ata a volta de Fiuza.

0.15251207351685