A Banda e Escola Municipal de Música de Guntín celebra o seu 25 aniversario

Este domingo 6 de abril, a Banda e Escola Municipal de Música de Guntín inicia o seu Ciclo de concertos con motivo do seu 25 aniversario, ofrecendo un evento moi especial.
Baixo o nome de Concierto In Memoriam, a formación renderá homenaxe a todos aqueles que xa non están, unindo música e recordos nunha velada emotiva.
O concerto contará coa participación especial da formación vocal lucense Solo Voces, que achegará o seu talento único, así como coa colaboración da Coral Polifónica Guntín - Taboada. Xuntas, as agrupacións ofrecerán un repertorio que busca emocionar e lembrar aos seres queridos que partiron.
O evento celebrarase na Igrexa Parroquial de Guntín ás 19:30 horas, e invítase a toda a comunidade a compartir este momento tan emotivo e especial.