A Banda Municipal de Lugo agarda dende xullo a resporta da Xunta sobre a Comisión de Servizo solicitada polo novo Director
A Banda Municipal de Lugo leva agardando dende o pasado mes de xullo ao pronunciamento da Xunta de Galicia ao respecto da Comisión de Servizo que solicitou a persoa escollida para ocupar, baixo este sistema selectivo, a praza de Director da agrupación.
A tenenta de alcaldesa e concelleira de Persoal, Paula Alvarellos, instou hoxe ao Executivo autonómico a comunicar o antes posible a súa resolución.
“Queremos reactivar o seu funcionamento e incrementar a programación de eventos na cidade pero, sobre todo, permitir que a sociedade lucense poida volver gozar do talento da Banda logo dun proceso longo e complexo, non exento de avatares, para recuperar a súa actividade”, sinalou a edil.
A este respecto, Alvarellos Fondos quixo lembrar os esforzos feitos polo Concello durante estes anos para regularizar a situación da Banda así como a do persoal da Escola da Música, rematando coa incerteza que existía sobre os seus postos de traballo, “e co obxectivo de mantelos e tratar de melloralos”.
“A entrada en vigor da RPT permitiunos artellar todos aqueles mecanismos que posibilitaron a simultaneidade das súas funcións como docentes e músicos, coa finalidade de de evitar o peche da Escola Municipal de Música e as graves consecuencias que esto tería para a veciñanza e, en particular, para os máis de mil alumnos e alumnas usuarias do centro”, sinalou a tenente de alcaldesa.
“Superada esta fase e o resto de dificultades que foron xurdindo durante todo este tempo para incorporar a un novo Director, chega o momento de que Lugo poida desfrutar doutro dos seus patrimonios culturais, a Banda Municipal, polo que apelamos á Xunta a non atrasar máis a súa autorización para que esta persoa poida continuar a súa traxectoria profesional ao fronte dela na nosa cidade”, concluíu Paula Alvarellos ao tempo que sinalou que a praza volverá a saír a concurso para a súa cobertura definitiva na OPE do 2023 nun proceso de oposición libre.