A Biblioteca de Antas de Ulla pon en marcha obradoiros de Filosofía para nenos

O Concello de Antas de Ulla, a través da súa Biblioteca Municipal, iniciou unha serie de cinco obradoiros de Filosofía para nNenos, destinados a pequenos de 4 e 5 anos. Esta actividade forma parte das iniciativas dos clubs de lectura da biblioteca e está concebida para fomentar o pensamento crítico e creativo desde a infancia.
As sesións desenvolveranse nas instalacións da propia biblioteca, en horario de tarde, de 16.30 a 17.15 horas. Durante os obradoiros, os pequenos traballarán con dinámicas adaptadas á súa idade, utilizando contos, xogos e outras actividades interactivas. O obxectivo é estimular a súa capacidade de reflexión e fomentar o diálogo e a imaxinación.
O ciclo de talleres deu comezo o 25 de marzo, cunha excelente acollida por parte dos cativos e cativas, e continuará os días 26 e 27 de marzo, así como os días 1 e 2 de abril.
A actividade está sendo coordinada por Patricia Coucheiro González, profesora de Filosofía e veciña do Concello, que emprega unha metodoloxía dinámica e participativa. A súa labor consiste en guiar aos nenos e nenas na adquisición de habilidades fundamentais para a práctica filosófica, como o pensamento reflexivo e a capacidade de escoitar aos demais.
A través destes obradoiros, os pequenos participantes terán a oportunidade de explorar novas ideas, compartir as súas opinións e aprender a cuestionar o mundo ao seu redor nun ambiente lúdico e enriquecedor. A Filosofía, tal e como se promove neste proxecto, non só contribúe ao desenvolvemento cognitivo, senón tamén á empatía e á capacidade de análise, competencias clave para a súa formación integral.
Con esta proposta, a Biblioteca Pública de Antas de Ulla reafirma o seu compromiso co desenvolvemento intelectual e educativo dos máis pequenos, apostando por unha educación baseada en valores e no pensamento crítico desde a súa infancia.