A Biblioteca Provincial de Lugo acolle a exposición do cartel da Semana de Cine 2025

LugoXa
A obra, creada por Primitivo Marcos, rende tributo ao centenario de 'La quimera del oro' e poderá visitarse ata principios de xullo
cartel-anunciador-Semana-de-Cine-Lugo-2025
26 Jun 2025

A Biblioteca Provincial de Lugo alberga dende hoxe unha exposición dedicada ao cartel anunciador da XLVII Semana de Cine de Lugo, que se celebrará do 22 ao 27 de setembro.

O cartel, realizado polo artista Primitivo Marcos, rende homenaxe á lendaria película La quimera del oro, de Charles Chaplin, coincidindo co centenario da súa estrea.

A presentación da mostra contou coa participación do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; da concelleira de Cultura do Concello de Lugo; do presidente do grupo cinematográfico Fonmiñá, Xulio Xiz; e do propio autor, que explicou o proceso de creación da peza elixida, así como dos quince deseños previos que tamén se exhiben no espazo expositivo.

Iria Castro e Maite Ferreiro parabenizaron a Primitivo Marcos, autor entre outros, do album ilustrado “Viveiro 1810, augas mortais” sobre o naufraxio da fragata Magdalena, editado polo Servizo de Publicacións da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, e destacaron a súa iniciativa e a do Grupo Fonmiñá que incorpora Lugo á celebración dunha efeméride da historia do cine internacional.

O cartel pode verse na Biblioteca Provincial de Lugo nunha exposición que inclúe os quince deseños previos (mostra do proceso creativo ata a obra final) e bibliografías sobre Charles Chaplin dos fondos da propia biblioteca.

A exposición permanecerá aberta ao público na Biblioteca Provincial ata comezos de xullo e volverá estar dispoñible durante a celebración da Semana de Cine, converténdose nunha antesala artística do evento audiovisual máis veterano da cidade.

⚙ Configurar cookies
0.19241285324097