A Biblioteca Provincial de Lugo acollerá a presentación da obra póstuma de Santiago Rodríguez

O salón de actos da Biblioteca Provincial acollerá o vindeiro martes 23, ás 18:00 horas, a presentación de O reiseñor poeta de Randulfe, obra póstuma do biólogo e xenetista Santiago Rodríguez centrada no estudo da produción literaria do seu pai, o escritor paradelense Manuel Rodríguez López. O acto converterase tamén nunha homenaxe compartida a dúas figuras vencelladas á cultura galega e á memoria literaria de Paradela.
Na presentación intervirán a viúva e o fillo do autor, Mary Otero Rolle e Carlos Rodríguez Otero, xunto co escritor Mero Iglesias Dobarrio, a alcaldesa de Paradela, Montserrat Mulet, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o Fillo Predilecto de Paradela, Ángel Fernández.
Santiago Rodríguez, nado en Barcelona no ano 1971, faleceu o 19 de marzo de 2024 en Bristol, no Reino Unido. Os seus restos foron trasladados posteriormente a Paradela, onde repousan no Panteón de Paradelenses Ilustres xunto aos de seu pai. O Concello de Paradela, que xa tiña nomeado a Manuel Rodríguez López Fillo Predilecto, acordou concederlle a Santiago Rodríguez, a título póstumo, a distinción de Fillo Adoptivo, en recoñecemento á súa traxectoria como biólogo, xenetista e escritor.
Durante anos, Santiago Rodríguez dedicou un intenso labor a estudar, ordenar e divulgar a obra en prosa e verso do seu pai, centrando especialmente os seus últimos anos de vida nun traballo de análise e investigación que quedou inédito tras o seu pasamento. Ese material foi recuperado pola familia e por persoas achegadas para ser editado de maneira póstuma como lembranza e homenaxe conxunta a pai e fillo, nun proxecto impulsado polo Concello de Paradela e a Xunta de Galicia. As persoas asistentes á presentación recibirán un exemplar do libro.