A Biblioteca Provincial de Lugo celebra o Día do Libro cunha variada programación cultural

LugoXa
Durante todo o mes de abril permanece na planta da entrada unha mostra bibliográfica que reúne títulos que xiran arredor dos libros na súa versión máis ampla
Biblioteca-Lugo-Día-do-Libro
22 Apr 2025

A Biblioteca Provincial de Lugo celebra o Día do Libro, que se conmemora mañá día 23, cunha variada programación cultural para todos os públicos, de acceso libre e gratuíto, que se desenvolverá ata final de mes.

Inclúe unha mesa redonda sobre a figura da Marquesa de Parabere, experta en gastronomía e autora de famosos receitarios na primeira metade do pasado século.

Este encontro foi presentado na Delegación Territorial polo delegado, Javier Arias; a directora da Biblioteca, María Isabel Pérez Fórneas; a axente literaria Déborah Albardonedo e o chef Santi Almuiña, xefe de cociña do Mesón Colón de Nadela (Lugo).

Celebrarase o luns 28 ás 20.00 horas no salón de actos do centro, e contará ademais coa intervención do escritor lucense Francisco Narla e o chef Luis Veira, do establecemento Árbore da Veira (A Coruña), distinguido cunha estrela Michelín.

Albardonedo e Narla son coordinadores do libro 'Homenaje a la Marquesa de Parabere', no que colaboran, entre outros, os citados cociñeiros. Ao evento foron convidados expresamente restauradores lucenses así como o profesorado e alumnado do IES Sanxillao das especialidades relacionadas coa hostalería.

Por outra banda, na propia data do Día do Libro, a artista colombiana Carolina Rueda presenta 'Gentes, caminos y sucesos' a partir das 20.00 horas no salón de actos.

No mesmo auditorio e á mesma hora, os lectores teñen unha cita o venres 25 coa escritora Ivet Núñez, e o mércores 30 con Francisco Narla. Ambos manterán un diálogo co público asistente para explicar aspectos das súas respectivas obras e métodos creativos.

Igualmente, o venres 25 ás 18.00 horas Bea Campos ofrece ao público infantil 'Garavanciño', unha proposta teatral con monicreques e cancións baseada nun dos contos clásicos da literatura.

Por último, durante todo o mes de abril permanece na planta da entrada unha mostra bibliográfica que reúne títulos que xiran arredor dos libros na súa versión máis ampla, desde biografías de escritores e ensaios ata películas ou novelas sobre librarías e libreiros.

⚙ Configurar cookies
0.16021203994751