A Biblioteca Pública de Lugo convértese nun 'escape room' sobre Castelao no marco do 'Ano Castelao'

A Biblioteca Pública de Lugo acolle estes días unha singular actividade didáctica: un escape room centrado na figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, unha proposta da Xunta de Galicia no marco da programación do 'Ano Castelao 2025', declarado polo Goberno galego para conmemorar a relevancia do ilustre autor galego.
Os primeiros en participar foron os alumnos e alumnas de 6º de Primaria do colexio As Mercedes, que se converteron en auténticos "detectives literarios" na actividade titulada 'Pescudando en Castelao. O tesouro das cousas'.
A iniciativa, promovida pola Dirección Territorial de Cultura, Lingua e Xuventude xunto coa propia Biblioteca Pública, está dirixida ao alumnado de sexto curso de centros educativos do municipio.
Durante o xogo, cada grupo debe resolver unha serie de pistas e enigmas baseados na vida e obra de Castelao nun prazo máximo dunha hora. A través desta aventura interactiva, o alumnado explora os espazos da biblioteca buscando unha mensaxe oculta nos escritos e debuxos do autor, que só pode ser descuberta se se superan todos os retos dentro do tempo límite.
A proposta continuará nas vindeiras semanas coa participación de quince centros educativos lucenses. Esta mesma semana tomarán parte o alumnado de Maristas, María Auxiliadora e Quiroga Ballesteros. Ata o 10 de abril, visitarán tamén a biblioteca os colexios Casás, Rosalía de Castro, Galén, Cervantes, Luis Pimentel, Illa Verde, Anexa, Menéndez Pelayo, Divina Pastora, La Milagrosa e Nadela.
O obxectivo principal desta iniciativa é achegar ás novas xeracións a figura de Castelao, potenciando o interese pola literatura galega e reivindicando o seu papel clave na construción da identidade cultural de Galicia.