A Biblioteca Pública Municipal de Antas de Ulla vén de convocar o Certame de narración e debuxo infantil Letras Galegas 2022
A Biblioteca Pública Municipal de Antas de Ulla vén de convocar o Certame de narración e debuxo infantil Letras Galegas 2022.
Neste certame poderán participar todas as nenas e nenos con narracións, en galego, cunha extensión máxima dun folio por unha soa cara, sobre o tema proposto a continuación: “O QUE PASA AO MEU ARREDOR”: Observa o mundo. Non precisas subir nun foguete nin nun avión. Mira ao teu arredor. Que ves? Que pasa? Como te sentes? Podes contalo. Podes debuxalo. O que ves, o que sentes, o que pensas é importante. É a túa visión do mundo. E a para nós, é valioso. Tamén poderán presentar debuxos feitos sobre cartolina de tamaño aproximado de DIN A4, sobre o mesmo tema.
Cada autor pode presentar cantos traballos desexe, mecanografados, escritos a computador ou a man; neste último caso sempre a bolígrafo e nunca a lapis. Con cada traballo, acompañarase unha folla co nome e demais datos do autor.
Establécense tres categorías: A, ata 8 anos, B, de 9 a 11 anos, C, de 12 a 16 anos.
O prazo de presentación dos traballos rematará o vindeiro 5 de maio, debendo ser entregados polos seus autores na Biblioteca Pública Municipal.
O xurado, formado por persoas entendidas na materia, seleccionará por cada modalidade e categoría un máximo de tres traballos. O fallo do xurado local farase público antes do Día das Letras Galegas.
Os traballos premiados nesta fase local participarán na fase provincial do certame, convocada pola Biblioteca Pública de Lugo, co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia.
Os traballos premiados pasarán a ser propiedade da Biblioteca Pública que se reserva o dereito de publicación dos mesmos.