A bióloga Cintia Folgueira protagonizou a charla 'Muller na ciencia' en Lugo

LugoXa
A deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, destacou que esta iniciativa pretende visibilizar o labor de mulleres referentes no ámbito científico, como Cintia
Charla-Cintia-Folgueira-Deputación-Muller-na-ciencia
11 Feb 2026

A charla 'Muller na ciencia', impartida pola bióloga e investigadora lucense Cintia Folgueira, reuniu a 150 alumnos e alumnas de terceiro e cuarto curso da ESO dos colexios FEC San José e Fingoi, e forma parte da programación organizada pola área de Igualdade do Concello de Lugo para conmemorar o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que se celebra cada 11 de febreiro.

A deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, destacou que esta iniciativa pretende visibilizar o labor de mulleres referentes no ámbito científico, como Cintia, cuxo exemplo axuda a comprender a importancia de ofrecer modelos femininos nun sector no que durante anos as mulleres foron invisibilizadas ou tiveron que superar máis obstáculos para desenvolver o seu talento.

Morandeira sinalou que aínda queda “un longo camiño por percorrer”, lembrando que só unha de cada tres persoas investigadoras é muller, que o 35 % das graduadas en ciencias, tecnoloxía, enxeñaría ou matemáticas son mulleres e que só o 10 % dos postos de maior responsabilidade están ocupados por elas. Recalcou que, para conseguir un ámbito científico máis xusto, é esencial apoiar o talento de nenas e mozas, ofrecer referentes femininos e garantir que todas as persoas poidan seguir a súa vocación sen limitacións nin estereotipos.

Pola súa banda, a edil municipal Ángeles Novo subliñou a importancia de conmemorar esta xornada pola loita histórica das mulleres e agradeceu a colaboración de Cintia Folgueira, investigadora especializada nos mecanismos que regulan o metabolismo enerxético, membro da Academia Joven de España, doutora en endocrinoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e actualmente traballando no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela.

⚙ Configurar cookies
0.084395885467529