A brigada de loita contra o lume limpou xa máis de 100 hectáreas de terreo en Lugo
A brigada de loita contra o lume do Concello de Lugo limpou xa máis de 100 hectáreas de terreo para reducir o risco de incendio forestal no municipio e preservar a seguridade, especialmente, nos núcleos rurais das 54 parroquias. Este equipo, composto por catro profesionais, está formado por un xefe de brigada, un peón conductor e dous peóns que desenvolven o seu traballo contra as lapas, ao tempo que se encargan de evitar posibles focos con diferentes labores de roza, en diferentes puntos do concello.
“Actualmente o equipo limpou de forma manual máis de 6 hectáreas en zonas de difícil acceso para a maquinaria, e está previsto que os brigadistas acometan a limpeza nun total de 10 hectáreas de terreo con esta técnica antes do remate da tempada. Ademais, limpáronse máis de 100 hectáreas de forma mecanizada das 160 proxectadas ate o remate dos traballos”, explicou a concelleira de Cohesión Social e Territorial, Ana Abelleira, quen apuntou que o período de actividade desta brigada estenderase no tempo ao longo do mes de outubro.
“O final do verán e o principio do outono son períodos de especial perigo porque se acumula a falta de choiva dos meses estivais e o vento pode xogar un facto determinante nesas datas. De feito, os últimos grandes incendios que asolaron Galicia en 2017 así o corroboran. A posibilidade de calor, escasa humidade, e rachas de ventos fortes fan que teñamos que estar preparados ata esas datas”, explicou a edil.
O Executivo de Paula Alvarellos puxo en marcha este servizo, cofinanciado parcialmente co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) a través dun convenio coa Xunta de Galicia, para completar o labor da administración autonómica, que ten a competencia exclusiva en materia de montes. “O traballo desta brigada ven a reforzar os labores preventivos que desde o Goberno local estamos a desenvolver desde primavera co obxectivo de preservar o noso patrimonio natural e garantir a seguridade dos núcleos rurais e a súa poboación na defensa contra o lume”, apuntou a Abelleira, quen lembrou que “este esforzo conxunto é esencial para garantir a seguridade e o benestar da nosa veciñanza”.
Eses traballos servirán tamén para garantir a conservación de especies que teñen un especial valor ambiental e para limitar o crecemento da maleza, factor de risco na propagación dos lumes nas épocas secas.
Ademais, a concelleira apelou á responsabilidade da cidadanía, subliñando que "o éxito na prevención dos incendios está na combinación entre os traballos da brigada e a colaboración activa da veciñanza. É fundamental que todos actuemos con precaución e respectemos as normas de seguridade para protexer o noso patrimonio natural."
Esta iniciativa forma parte do compromiso do Concello de Lugo coa preservación do medio ambiente e a seguridade dos seus cidadáns, asegurando que cada verán se dispoña de recursos suficientes para facer fronte aos posibles incendios forestais.