A Brigada de Obras atendeu en Lugo no primeiro semestre do ano algo máis de 500 avisos

LugoXa
As principais demandas foron de beirarrúas, sinalización, fochancas e bolardos
traballo-brigada-de-obras
11 Jul 2025

O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, informou este venres do balance de traballo realizado pola Brigada Municipal de Vías, Obras e Sinalización durante os primeiros seis meses do ano 2025. Segundo explicou, o Concello atendeu un total de 515 avisos, procedentes tanto de comunicacións cidadás como das inspeccións realizadas polo propio servizo técnico.

“Estes datos evidencian o compromiso do goberno municipal coa conservación e mellora do espazo público, garantindo unha resposta áxil e eficiente ás necesidades da veciñanza”, sinalou o edil, quen engadiu que “a coordinación da brigada, xunto coa implicación da cidadanía, permítenos actuar de maneira rápida ante calquera incidencia para que o espazo urbano responda ás demandas reais da xente, e que o seu mantemento sexa continuo e visible no día a día”.

Durante este período, a brigada municipal levou a cabo unha ampla variedade de intervencións, como reparacións de beirarrúas por afundimentos ou lousas soltas, melloras de accesibilidade e axustes en pasos peonís; reposicións e correccións de sinalización viaria, tanto vertical como horizontal; eliminación de fochancas para garantir a seguridade da circulación; colocación, retirada ou substitución de bolardos segundo as necesidades detectadas; mantemento de bancos públicos e tapas de rexistro; instalación e axuste de espellos de tráfico e redutores de velocidade; reparacións puntuais en valos e sinalización de prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida; así como actuacións en infraestruturas de mobilidade sostible como aparcabicis e infobuses.

Entres estas intervencións destacan as seguintes por orde de avisos:

• Beirarrúas (187 avisos): realizáronse reparacións por afundimentos, reposición de lousas danadas, melloras en pasos peonís e actuacións para garantir a accesibilidade.

• Sinalización (154 avisos): as intervencións incluíron a substitución de sinais verticais deteriorados, reforzo da sinalización horizontal, axustes en paneis informativos e melloras na visibilidade de elementos de tráfico.

• Fochancas (64 avisos): leváronse a cabo reparacións urxentes para eliminar buratos no firme e mellorar a seguridade da circulación.

• Bolardos (58 avisos): atendéronse incidencias por bolardos danados, desprazados ou que dificultaban a mobilidade, realizando reposicións ou retiradas segundo os casos.

• Bancos (13 avisos): substitución de táboas rotas, reforzo de estruturas e posta a punto de mobiliario urbano para uso público.

• Tapas de rexistro (11 avisos): realizáronse axustes, substitucións e correccións de tapas en mal estado para evitar riscos.

• Espellos de tráfico (4 avisos): axustes e instalacións para mellorar a visibilidade en interseccións con pouca visibilidade.

• Valos (4 avisos): reparacións de elementos de protección deteriorados ou caídos.

• Prazas de mobilidade reducida (4 avisos): mellora da sinalización e acondicionamento de espazos reservados.

• Redutores de velocidade (3 avisos): colocación e mantemento de elementos para o control da velocidade viaria.

• Infobuses (2 avisos) e aparcabicis (2 avisos): revisión e reparación de infraestruturas vinculadas á mobilidade sostible.

• Outros (9 avisos): actuacións menores ou específicas non clasificadas nos apartados anteriores.

Penas destacou que “a actividade continua da brigada municipal permite resolver incidencias nun tempo razoable e, ao mesmo tempo, prevén a aparición de problemas maiores no espazo público”. O concelleiro tamén quixo agradecer “a implicación da veciñanza, que cada vez participa máis activamente comunicando as necesidades do seu entorno”.

O Concello manterá esta liña de traballo, reforzando a atención aos avisos cidadáns e desenvolvendo actuacións que contribúan a unha cidade máis accesible, segura e coidada.

⚙ Configurar cookies
0.44780302047729