A Cabalgata de Reis ampliará este ano o seu percorrido polas obras do centro

LugoXa
A comitiva partirá de Frigsa e seguirá pola Avenida da Coruña e a Rolda da Muralla ata a rúa Vilalba para chegar ao Concello por Bispo Aguirre e o fondo da Praza Maior.
20 Dec 2023

A comitiva partirá de Frigsa e seguirá pola Avenida da Coruña e a Rolda da Muralla ata a rúa Vilalba para chegar ao Concello por Bispo Aguirre e o fondo da Praza Maior.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presidiu esta semana a reunión de traballo na que se abordou o Plan de Tráfico para a Cabalgata de Reis que se celebrará o venres, 5 de xaneiro.

Na xuntanza, na que participaron representantes da Policía Local, Policía Nacional, Bombeiros, Protección Civil, Cruz Vermella e 061, o xefe de servizo de Infraestruturas, así como un dos redactores do Plan de Autoprotección do evento, acordáronse os termos nos que o desfile se desenvolverá en condicións de seguridade tanto para a organización como para o público.

A rexedora avanzou hoxe que a principal novidade desta edición se corresponde cun cambio de traxecto imposto pola execución das obras de peonalización que se están levando a cabo no Centro Histórico.

“Isto obrigará a incrementar o percorrido da Cabalgata que, en lugar de entrar ao recinto amurallado pola Porta de San Fernando, continuará pola Rolda e accederá á Praza Maior a través da rúa Vilalba e Bispo Aguirre”, explicou.

Méndez indicou, así mesmo, que “o tránsito das carrozas polas distintas vías fará que, ao seu paso, a circulación de vehículos se considere pechada ao tráfico de maneira que a Policía Local realizará os correspondentes acompañamentos, cortes e desvíos alternativos – que xa serán sinalizados o día anterior - polas rúas adxacentes. Serán restricións puntuais que se irán levantando a medida que avance a comitiva”, engadiu.

A mandataria adiantou que, para o correcto desenvolvemento da cita, entre outras medidas se reprogramarán os semáforos dalgunhas vías e se controlará tanto a aglomeración de espectadores/as como a disposición das terrazas de hostalaría nalgún punto concreto co obxectivo de facilitar o xiro das carrozas nalgunhas interseccións.

Todas estas indicacións serán postas ademais en coñecemento do servizo de transporte urbano de Lugo para que as teñan en conta durante a devandita xornada. Precisamente, no caso de que as condicións climatolóxicas desaconsellen a actividade, os Reis Magos se trasladarán en autobús ata o Concello.

“Convidamos a toda a cidadanía a asistir e gozar da Cabalgata, a saudar aos Reis Magos e ás e aos axudantes que os acompañan e a vivir con moitísima ilusión unha tarde chea de emoción e de espectáculo. Para iso, estamos a organizar un amplo dispositivo, integrado por numerosos efectivos que vixiarán e garantirán que todo saia ben”, concluíu a rexedora.