A campaña Lugo Km 100 chega a Barcelona
A cidade de Lugo será promocionada insertando publicidade na nova edición do mapa da rede de transporte metropolitano de Barcelona. Maite Ferreiro explicou que “a campaña Lugo Km 100 estará presente en 25.000 exemplares do mapa da rede de transporte de Barcelona, facilitando a promoción da cidade de Lugo entre toda a as e os usuarios desta rede”.
A campaña Lugo Km 100 e as festas de San Froilán son os eixos sobre os que está a pivotar a promoción da cidade a nivel galego, estatal e internacional. "Tratase dunha aposta para poñer en valor a cidade de Lugo e o seu patrimonio histórico e cultural" explicou Maite Ferreiro, que engadiu "as distintas áreas da Tenencia de Alcaldía traballamos para promocionar Lugo como punto de partida do Camiño Primitivo cumprindo cos 100 Km mínimos que se requiren para obter a Compostela, tamén fixemos unha festas do San Froilán á altura merecida".
A concelleira de Turismo afirmou que "os datos están xa a demostrar que esta campaña está dando os seus froitos, e Lugo estase a posicionar como un punto importante no turismo tanto polo patrimonio co que contamos como pola proximidade co resto de Galiza". "Continuaremos a traballar para facer de Lugo un destino referencial no turismo de calidade e proximidade", afirmou Ferreiro.