A candidata á reitora da USC, Rosa Crujeiras, presenta o seu programa para reforzar o Campus de Lugo

A catedrática en Matemáticas e candidata a reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras, destacou o papel fundamental do Campus de Lugo como "axente clave para o desenvolvemento económico, social e cultural da provincia". Durante a presentación das súas liñas estratéxicas, Crujeiras recoñeceu a "excelencia académica e investigadora" do campus, mais subliñou a necesidade de afrontar "unha serie de retos a curto e medio prazo que exixen unha atención singular" por parte do goberno universitario.
A candidata afirmou que, aínda que moitos desafíos son comúns en toda a USC –como a remuda xeracional, a competencia das privadas ou o financiamento–, outros son específicos de Lugo. Para dinamizalos, a súa acción pivotará sobre tres eixos principais desde a futura Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo.
O primeiro eixo centrarase na coordinación interna. Crujeiras propón "garantir unha axenda estable" para que as diferentes vicerreitorías e servizos centrais sexan visibles e accesibles no campus, reforzando o apoio administrativo. Ademais, buscará "recuperar servizos á comunidade universitaria perdidos" e igualar as condicións de acceso a eles ás de Santiago, así como optimizar a coordinación de horarios, prácticas e uso de espazos entre centros.
O segundo eixo abordará a vida no campus. Aquí, as accións priorizarán o acceso á vivenda, colaborando co Concello no Plan Municipal e potenciando a oferta en residencias públicas. A mobilidade sostible será outra liña clave, coa posta en marcha dunha conexión por bus entre os campus de Lugo e Santiago para atender as necesidades do persoal. Completan este eixo o reforzo da extensión universitaria, a divulgación e o deporte, este último lastrado por un "claro déficit de instalacións" en Lugo.
O terceiro eixo ten como obxectivo a proxección institucional da USC na cidade e na provincia. Crujeiras sinalou a necesidade de manter abertas "canles de comunicación" cos demais axentes territoriais. Un símbolo desta vontade será a ubicación da sede da Vicerreitoría no Pazo de Montenegro, potenciando a súa visibilidade xunto coa tenda e o Museo Universitario Domus do Mitreo. Ademais, propón intensificar a relación das plataformas tecnolóxicas co sector produtivo, apoiar a estratexia do Campus Terra sen descuidar aos centros fóra do seu ámbito, e defender o conxunto de titulacións do campus.
"O noso obxectivo é lograr que a Universidade de Santiago de Compostela na cidade e na provincia de Lugo sexa un auténtico axente de cambio da sociedade", afirmou Crujeiras, resumindo o espírito dun programa que busca consolidar e potenciar a contribución social do campus lucense.