A candidata do PSOE de Palas comparte con Gómez Besteiro o programa que presenta
Ana Corredoira mantivo xunto con membros da lista electoral que encabeza un encontro co Delegado do Goberno, no que abordaron o proxecto de futuro que a alcaldable do PSdeG ten deseñado para favorecer o desenvolvemento da localidade dende o seu firme compromiso e amplo coñecemento do sector agrogandeiro e do rural.
A candidata socialista de Palas de Rei, Ana Corredoira, mantivo xunto con membros da lista electoral que encabeza un encontro na vila palense co Delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, no que compartiron os retos e oportunidades do concello, así como o proxecto de futuro que a alcaldable do PSdeG ten deseñado para favorecer o desenvolvemento da localidade dende o seu firme compromiso e amplo coñecemento do sector agrogandeiro e do rural.
Así mesmo, abordaron as medidas e proxectos que está sacando adiante o Goberno de España e que inciden directamente na mellora das condicións de vida da cidadanía, nomeadamente do rural, como pode ser a suba das pensións conforme ó IPC, o aumento do Salario Mínimo Interprofesional, a reforma laboral que está favorecendo récords de emprego, as políticas de vivenda ou os investimentos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia posibles grazas aos fondos europeos que conseguiu o Executivo de Pedro Sánchez.
Ana Corredoira reivindica outro de xeito de facer política en Palas de Rei “defendendo o territorio e apoiando ao medio rural”, incidindo na necesidade de “vertebrar cada proposta arredor das veciñas e veciños, e de buscar de novo a convivencia e a cohesión social a través do traballo colaborativo”.
Pola súa banda, Gómez Besteiro subliñou o gran valor que aporta Ana Corredoira ó proxecto socialista e ó concello de Palas pola súa preparación, experiencia, gran proxección e polo fondo coñecemento dun sector fundamental para a provincia e para o conxunto do noso país, como é o agrogandeiro, a produción ecolóxica, e o rural.