A Capela de Santa María en Lugo acolle a exposición de madeira torneada 'CONtornos'

A Capela de Santa María en Lugo acolle desde este xoves e ata o 30 de xullo a XVII Exposición Itinerante de Madeira Torneada 'CONtornos', unha mostra que reúne unha selección de pezas procedentes do Encontro Internacional de Torneiros de Madeira celebrado o pasado mes de setembro no concello de Xermade.
O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, foi o encargado de inaugurar esta mostra, que ofrece ao público unha escolma de obras elaboradas con diversas técnicas, tipos de madeira e acabados, reflectindo así a evolución deste oficio artesanal desde a súa vertente funcional ata a súa dimensión máis artística.
A exposición representa unha oportunidade para descubrir a riqueza e a creatividade dun oficio tradicional que conserva a súa esencia ao tempo que se adapta aos novos tempos, combinando tradición e vangarda a través da madeira.