A carreira Lugo Monumental celebrarase o 17 de decembro
O concelleiro de Deportes, Jorge Bustos, anunciou este xoves a data de celebración da vixésima edición da carreira popular Lugo Monumental. “Será o vindeiro domingo 17 de decembro cando celebremos o 20 aniversario desta cita deportiva, moi arraigada na cidade, que organizamos dende o executivo municipal”, avanzou.
“A proba, que contará cunha distancia aproximada de 10 quilómetros, terá tanto a saída como a meta na Avenida de Ramón Ferreiro, coa Praza Horta do Seminario como centro de operacións da organización, como en edicións anteriores”, explicou o edil, quen subliñou que “o percorrido seguirá sendo en parte circular ao redor da Muralla, cunha última volta por encima do adarve, mantendo o espírito de todas as edicións anteriores”.
A Lugo Monumental contará co patrocinio de Caixabank, como en anteriores anos, e suporá o pistoletazo de saída a novas carreiras e eventos populares ao longo do ano 2024. “Dende a Concellería de Deportes xa estamos a traballar na celebración dunha nova edición do Circuíto Corre con Nós 2024 e a colaborar coa VI Edición da Media Maratón de Lugo na primavera deste vindeiro ano”, detallou Bustos.
Para celebrar o 20 aniversario da carreira Lugo Monumental, obsequiarase a todos e todas os e as participantes adultos/as cunha camiseta conmemorativa. Ademais, para as categorías inferiores haberá entrega de medallas ao finalizar as súas carreiras.
A carreira estará limitada a 1.200 adultos e toda a información do evento atópase dispoñible na páxina web: www.10klugomonumental.com. As inscricións abrirán esta media noite (a partir das 00:00 horas) ata o vindeiro 10 de decembro. Serán totalmente de balde para as categorías menores.
Percorridos
A saída e a meta estará situada na avenida Ramón Ferreriro (praza Horta do Seminario)
- 11:00 h PITUFOS (2016-2019) 250 metros.
- 11:10 h SUB 10 – SUB 12 ( 2012-2015) 950 metros.
- 11:20 h SUB 14 – SUB 16 ( 2006 – 2011) 1.900 metros.
- 11:30 h ADULTOS ( 2007 e Anteriores ) 10.000 metros.