A carreira nocturna abre un novo Corre con Nós de récord con 1.957 persoas inscritas

LugoXa
A primeira das seis probas do circuíto popular disputarase este sábado desde as 18.00 horas nas inmediacións da avenida Ramón Ferreiro
Corre-Con-nós-Lugo
14 Jan 2026

A carreira nocturna deste sábado, día 17, dará o pistoletazo de saída a unha nova edición do circuíto popular Larsa Corre con Nós, organizado pola área de Deportes do Concello de Lugo, que alcanza a súa vixésimo cuarta edición cun novo récord de participación. En total, 1.957 persoas formalizaron a súa inscrición, superando amplamente as 1.848 rexistradas na pasada edición e acadando a cifra máis alta da historia deste circuíto.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, destacou que este dato “demostra que o deporte está máis vivo ca nunca e confirma o auxe deste circuíto popular gratuíto organizado polo Concello”, subliñando o carácter aberto e accesible dunha iniciativa que permite fomentar a práctica deportiva entre persoas de todas as idades.

Entre as persoas inscritas figuran deportistas procedentes de ata 25 municipios das catro provincias galegas, cunha participación feminina que alcanza o 35 por cento, fronte ao 65 por cento de homes. Unha das particularidades do Corre con Nós é que as e os atletas inscritos quedan automaticamente anotados para as seis carreiras do circuíto, podendo participar en todas elas sen necesidade de renovar a inscrición, que é totalmente gratuíta ao tratarse dunha iniciativa municipal.

A primeira das probas, coñecida como carreira nocturna, disputarase este sábado a partir das 18.00 horas, cun percorrido polas inmediacións da avenida Ramón Ferreiro. As distancias varían en función das categorías, desde os 300 metros para as máis pequenas ata os tres quilómetros para a carreira de adultos.

En canto aos horarios, a categoría mini tomará a saída ás 18.00 horas cun percorrido de 300 metros. Cinco minutos máis tarde sairán as categorías sub10 e sub12, cunha distancia de 800 metros. Ás 18.15 horas será a quenda das categorías sub14 e sub16, que completarán un trazado de 1.000 metros, mentres que a carreira absoluta comezará ás 18.30 horas cun itinerario de tres quilómetros.

A montaxe e desenvolvemento da proba obrigará a realizar cortes de tráfico na avenida Ramón Ferreiro. En concreto, o tramo máis próximo á Praza Horta do Seminario permanecerá pechado desde as 12.00 ata as 20.00 horas, entre Salvador de Madariaga e Anxo López Pérez. Ademais, as vías afectadas pola carreira estarán cortadas ao tráfico entre as 17.30 e as 19.30 horas na propia avenida Ramón Ferreiro, no tramo comprendido entre Anxo López Pérez e a rotonda de enlace con Mariña Española, así como desde a avenida Rodríguez Mourelo ata a praza de Avilés, incluíndo tamén o tramo entre as rúas Vilalba e Anxo López Pérez.

A recollida de dorsais e chips poderá realizarse na tenda colaboradora Endorfina Sports, situada en Campo Castelo, durante todo o xoves 15, venres 16 e sábado 17, no seu horario comercial. Ao chegar á liña de meta, as e os participantes contarán cun servizo de avituallamento de bebidas, que volverá correr a cargo de Coca Cola e do patrocinador principal do circuíto, LARSA, que suma xa 18 tempadas consecutivas apoiando esta iniciativa deportiva.

As persoas interesadas en participar no circuíto Corre con Nós que non se inscribiran nesta primeira proba poderán facelo de maneira gratuíta a partir do día seguinte á carreira, a través da páxina web oficial do circuíto.

⚙ Configurar cookies
0.070312976837158