A carreira polo trono da Xunta

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Os tres candidatos, con representación parlamentaria, preparan as listas e ultiman o programa de cara ás eleccións autonómicas, que se celebran o 18 de febreiro.
3 candidatos Xunta 2023 Rueda Besteiro Ponton
13 Jan 2024

Os tres candidatos, con representación parlamentaria, preparan as listas e ultiman o programa de cara ás eleccións autonómicas, que se celebran o 18 de febreiro.

O 18 de febreiro haberá eleccións en Galicia. Serán as primeiras desde 2009 nas que o candidato do PP non será Alberto Núñez Feijóo. A data coincide coa celebración do Entroido, unha das festas máis destacadas en Galicia, en especial nalgunhas zonas como Ourense.

PP

Alfonso Rueda, nado en Pontevedra, é avogado e exerce o papel de actual presidente da Xunta de Galicia dende o 12 de maio de 2022, cando o seu predecesor Núñez Feijóo foi investido presidente do Partido Popular a nivel estatal.

Rueda iniciouse na política nas Novas Xeracións de Pontevedra e foi xefe de gabinete do conselleiro Xesús Palmou, e director xeral da Administración Local da Xunta de Galicia durante cinco anos.

Foi secretario xeral do PPdeG, desde o ano 2006 ata maio de 2016, e dende a elección de Feijóo como presidente autonómico, encargouse da Secretaría Xeral en Galicia. Tamén foi conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e vicepresidente da Xunta de Galicia ata o 2022. Tras anunciar a convocatoria de eleccións para a Administración Autonómica, Rueda asegurou que seguirá apostando por traballar e así manter a comunidade como “a illa de estabilidade” que é na actualidade.

O actual presidente fai un chamamento a protexer Galicia porque “o futuro da nosa comunidade se decide aquí, sen mediadores, nin hipotecas e sen ningunha outra obediencia que non sexa aos galegos”.

“Sigamos a favor de todo aquilo que a xente nos pide que defendamos: máis oportunidades para a mocidade, máis apoios para os maiores e as familias e continuar defendendo proxectos empresariais que xeren emprego”, explicou ao tempo que aseguraba que “se todos os partidos aproveitamos estes días para confrontar as nosas diferentes visións de Galicia en positivo, estariamos facéndolle un gran servizo aos galegos e cumpriríamos o que esperan de nós”.

PSOE

José Ramón Gómez Besteiro, candidato do PSOE. Naceu en Lugo e ademais de ser avogado é político e foi o presidente da Deputación de Lugo dende 2007 ata 2015. Formou parte do Concello de Lugo sendo concelleiro de Urbanismo e voceiro municipal e, en marzo de 2023 foi designado polo Goberno de Pedro Sánchez como máximo responsable da Delegación do Goberno en Galicia.

Gómez Besteiro di que “os socialistas galegos son os únicos capaces de liderar o cambio seguro en Galicia” e engadiu que “a Galicia quédanlle poucos días para despedirse deste Goberno triste e que gañe a esperanza”, dixo un Besteiro que se amosa optimista de cara a estes comicios.

O candidato dos socialistas galegos amosou a súa satisfacción polo adianto electoral: “Xa falta menos para que Galicia pase dun Goberno de confrontación a un Goberno que ofreza solucións”.

“Os socialistas estamos unidos, preparados e somos os únicos capaces de liderar o cambio seguro en Galicia”, remarcou o tamén deputado lucense, quen incidiu en que o PSdeG é un partido con “traxectoria, equipo e un proxecto absolutamente claro”.

“Galicia está perdendo oportunidades”, incidiu Besteiro, “de feito está medrando menos que o resto do país por culpa das políticas incapaces, a inercia e a confrontación na que está instalado Rueda e o PP. Os socialistas estamos preparados para gañar as eleccións e para darlle a Galicia o impulso que necesita e merece”.

O candidato chama a “escoller entre unha Galicia resignada ou elixir un futuro ilusionante, con esperanza e que nos poña á cabeza do crecemento en España e en Europa”.

BNG

Ana Pontón, nada en Chorente, Sarria, é a candidata do Bloque Nacionalista Galego. A sarriá é a portavoz nacional do BNG desde 2016 e xa fora candidata á Presidencia nas eleccións de 2016 e 2020. Tras estes últimos comicios converteuse na líder da oposición no Parlamento de Galicia, e conseguiu que o seu partido tivera o máximo histórico de 19 deputados. A líder nacionalista afirma que o BNG está preparado para gañar e liderar o Goberno do cambio para darlle un presente e un futuro mellor ao país. “Son a candidata de todos os galegos que queren cambio, votasen o que votasen noutras eleccións”, indica. Di sentirse con “máis ganas, máis ilusión e máis preparada que nunca” para darlle a Galicia “o mellor Goberno da súa historia”.

Para Pontón, o obxectivo último é conseguir “mellorar a vida das persoas”, porque segundo afirmou, “é o que lle dá sentido á política, poñer as persoas no centro, traballar por e para elas, e entre todos e todas construír a mellor Galicia”.

“Non importa o que votaran noutras eleccións, hai moitas maneiras de sentirse galego, e todas son necesarias para abrir un tempo novo”, di Pontón, que pretende defender a comunidade e marcar un antes e despois tras a sucesión de gobernos que tomaban as súas decisións “en despachos madrileños”. “Foron seis presidentes en toda a historia da democracia, todos homes e de forzas estatais. Credes que nos foi ben? Credes que puxeron a Galicia no lugar que se merece?”.

ALGUNHAS LIÑAS DOS PROGRAMAS ELECTORAIS

PARTIDO POPULAR

  • Actuacións na infraestrutura dos hospitais.
  • Impulso ás VAP Costa Norte e da autovía libre de peaxes Lugo-Monforte.
  • Avance na candidatura a patrimonio mundial da Ribeira Sacra.
  • Obras en marcha para a reforma ou construción de novos centros de saúde, residencias da terceira idade e centros de ensino.
  • Actuacións de mellora nos portos de titularidade autonómica.
  • Dar continuidade a medidas como a gratuidade das escolas infantís , bonos dependencia ou axudas para libros de texto e material escolar.

PARTIDO SOCIALISTA

  • Apostar por empresas que creen emprego de calidade e proxectos industriais que fixen poboación.
  • Mellorar as políticas de envellecemento, os servizos sociais, e a sanidade.
  • Rematar moitas infraestruturas como as conexións entre a parte interior de Lugo, a conexión da Mariña, ou a duplicidade de dobre ancho de autovía entre Lugo e Monforte.
  • En Lugo, fará o Plan Paradai e desenvolverá a Rolda Leste.
  • Apostar polo agro e o mundo forestal así como dar garantía aos gandeiros.

BLOQUE NACIONALISTA GALEGO

  • Unha Galicia más feminista.
  • Apoiar a cultura e a identidade galega para conseguir “unha nación moderna, empoderada e sen complexos”.
  • Reforzar os “vínculos” da comunidade galega.
  • O compromiso de poñer enriba da mesa unha “intervención pública” en Alcoa
  • O compromiso de activar a Mesa do Sector Lácteo, na que estean representados todos os axentes da cadea productiva, co fin de que aborde “as cuestións clave para darlle futuro ao sector, incluído todo o que ten que ver cos prezos”.
0.16607594490051