A carreira popular 'Corre con nós' celebra unha nova edición
O Circuíto Larsa Corre con nós volve un ano máis para celebrar a súa 21 edición. Nesta edición, o circuíto contará con seis carreiras que aglutinan diferentes percorridos e distancias e contan con retos para todas as idades.
A carerira Nocturna terá lugar o 4 de febreiro, a que percorrerá o Cinto Verde que será o 19 de febreiro, o Corre con elas celebrarase o 18 de marzo, o Impulso Verde será o 23 de abril, a do Tour Talento o 6 de maio e o Final Circuíto celebrarase o 11 de xuño. As inscricións xa están abertas na páxina web.
O concelleiro de deportes, Mauricio Repetto, asegura que “este é un circuíto consolidado na cidade e tamén é unha alegría poder recuperalo despois dos dous anos de pandemia”. Na presentación, Repetto lembrou que “este segue sendo o único circuíto de probas atléticas gratuíto en Galicia, que ademais este ano presentamos co propósito de favorecer a participación, a familiaridade, o divertimento e volta coa mesma forza que en edicións que non estiveron marcadas pola pandemia”.
O edil tamén destacou que “xa está aberto o prazo para inscribirse nesta nova tempada de carreiras populares, na que xa van preto dun milleiro de atletas inscritos, na primeira cita. O que é unha boa mostra do éxito que, ano tras ano, acada cada unha das probas incluídas no circuíto”.
Repetto explicou que “na derradeira proba – 11 de xuño – premiaranse ás tres persoas que acaden as primeiras clasificacións cun trofeo nunha clasificación final definitiva de todo o conxunto. En canto as clasificacións por grupos, haberá unha clasificación final escolar, outra familiar e tamén por equipos”.
Nesta edición, tamén se contará cunha gala final de entrega de premios , que será “unha festa do atletismo popular lucense con moitas sorpresas e actividades durante esta cerimonia” adiantaba o edil.
Para a primeira carreira, a Nocturna todas as persoas interesadas en participar poderán inscribirse ata o 29 de xaneiro a través da web e consultar o regulamento ou máis información.
Nesta proba, como vén sendo habitual, haberá distintas categorías: minibenxamíns, benxamíns, infantís e adultos. Concretamente, ás 18:00 horas será a saída das e dos participantes da primeira categoría, que percorrerán unha distancia de 300 metros, a segunda categoría, dende as 18:10 horas, cunha distancia de 800 metros, a terceira, a partir das 18:20 horas, cun recorrido de 1.500 metros. Por último, os adultos partirán ás 19:00 horas e terán que correr unha distancia de 3.000 metros.
A recollida de dorsais farase en Intersport Lugo (Edificio Pimentel en rúa Bispo), en horario comercial o xoves 2 de febreiro, venres 3 de febreiro e o sábado 4 de febreiro. A carreira dará comezo ás 18:00 horas para as categorías infantís e ás 19:00 horas terá lugar a saída para a categoría adulta. O punto de partida será a Horta do Seminario.