A carreira Xacorun percorrerá o Camiño de Santiago entre Sarria e Portomarín

LugoXa | SarriaXa
Arredor de 230 persoas participarán nesta quinta edición dunha proba con tres modalidades e percorridos de 23 e 10 quilómetros
presentación-Xacorun-2026
11 Mar 2026

A quinta edición da carreira Xacorun celebrarase este domingo, 15 de marzo, cun percorrido polo Camiño de Santiago entre os municipios de Sarria e Portomarín. A organización conta nesta ocasión con arredor de 230 persoas inscritas para tomar parte nun evento deportivo que combina a práctica do atletismo coa promoción da ruta xacobea e dos atractivos turísticos da contorna.

A proba contará con tres modalidades diferentes. Por unha banda, desenvolveranse dúas carreiras de 23 quilómetros con saída en Sarria e chegada en Portomarín. Unha delas disputarase de maneira individual, mentres que a outra será por remudas, cun punto de intercambio situado en Mirallos, no municipio de Paradela. Ademais, tamén haberá unha carreira individual de 10 quilómetros que partirá desde Mirallos ata a meta situada en Portomarín. En todos os casos, o itinerario seguirá o trazado do Camiño de Santiago.

A presentación oficial da proba tivo lugar hoxe coa participación do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, que estivo acompañado por representantes da asociación deportiva Pretorianos Club, entidade encargada da organización do evento. No acto tamén participaron a directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Carmen José López, así como membros doutras entidades colaboradoras.

Durante a presentación, Arias felicitou á organización por promover un ano máis esta iniciativa deportiva, que contribúe a fomentar a actividade física ao tempo que axuda a dar visibilidade ao Camiño de Santiago e aos recursos naturais e culturais que ofrece esta zona da provincia.

0.12735986709595