A Casa Consistorial de Lugo secunda un lazo azul no balcón polo día da Síndrome de Down
O Concello de Lugo vén de pendurar do balcón da Casa Consistorial un lazo azul para secundar así a celebración, o próximo luns, 21 de marzo, do Día Internacional da Síndrome de Down.
Un xesto co que, dende a Administración local, se pretende axudar a dar visibilidade á realidade do colectivo de persoas con esta alteración cromosómica, á vez que serve de trampolín para poñer sobre a mesa as principais reivindicacións en materia de dereitos.
21 DE MARZO, DÍA MUNDIAL DA SÍNDROME DE DOWN
En decembro de 2011, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas designou o 21 de marzo Día Mundial da Síndrome de Down. Con esta celebración, quérese promover unha maior conciencia pública sobre a cuestión e lembrar a dignidade inherente, a valía e as destacadas contribucións das persoas con discapacidade intelectual como promotoras do benestar e da diversidade das súas comunidades. Así mesmo, quérese resaltar a importancia da súa autonomía e independencia individual, en particular a liberdade na toma das súas propias decisións.
A síndrome de Down é unha alteración xenética que se produce pola presenza dun cromosoma extra (o cromosoma é a estrutura que contén o ADN) ou unha parte del. A síndrome de Down é a principal causa de discapacidade intelectual e a alteración xenética humana máis común. Prodúcese de forma espontánea, sen que exista unha causa aparente sobre a que se poida actuar para impedilo.