A Casa da Cultura de Portomarín contará coa representación de 'Monstrólogo'

A Casa da Cultura de Portomarín acollerá este martes, 30 de decembro, a representación de Monstrologo, unha comedia teatral dirixida ao público infantil e familiar que promete unha mañá chea de diversión, humor e imaxinación. O espectáculo, a cargo da compañía Trécola Producións, presenta unha historia protagonizada por monstros moi especiais, pensada para facer gozar tanto ás crianzas como ás persoas adultas.
A función dará comezo ás 12.00 horas e enmárcase dentro da programación cultural destas datas de Nadal, ofrecendo unha alternativa de lecer para compartir en familia. Con unha posta en escena dinámica e unha linguaxe próxima, Monstrologo convida ao público a mergullarse nun universo creativo no que o humor e a fantasía son os grandes protagonistas.
Desde a organización destacan que se trata dun plan perfecto para desfrutar en familia durante as vacacións, animando á veciñanza e ás persoas visitantes a asistir a esta proposta teatral que combina entretemento e cultura nun ambiente accesible para todas as idades.