A Casa da Muller de Lugo atende preto de 1.000 consultas e suma 153 novas usuarias no 2023

LugoXa
O 60 % son de tipo xurídico, como os trámites por separación ou divorcios, impagos de pensións ou sentenzas incumpridas; mentres que o 25 % correspóndese con servizos de atención psicolóxica A Casa da Muller atendeu ao longo de 2023 un total de 968 consultas nas que predominou a axuda xurídica en cuestións como os trámites por separación ou divorcios, impagos de pensións ou sentenzas incumpridas.
7 Mar 2024

O 60 % son de tipo xurídico, como os trámites por separación ou divorcios, impagos de pensións ou sentenzas incumpridas; mentres que o 25 % correspóndese con servizos de atención psicolóxica

A Casa da Muller atendeu ao longo de 2023 un total de 968 consultas nas que predominou a axuda xurídica en cuestións como os trámites por separación ou divorcios, impagos de pensións ou sentenzas incumpridas. Concretamente, o 60 % correspóndese con consultas deste tipo, mentres que o 25 % foron consultas de atención psicolóxica, fundamentalmente labores de apoio, orientación e asesoramento ante casos de desigualdade de xénero. No 15% restante enmárcanse consultas de mulleres vítimas de violencia de xénero, “ás que se lles proporcionou apoio e protección social, ademais de información e asesoramento específico”, explicou a concelleira da área de Cohesión Social, Ana Abelleira

Ademais, no ano pasado, abriuse expediente no centro a 153 novas usuarias que demandaron os servizos da Casa da Muller e recibiron axuda dos seus profesionais de forma totalmente gratuíta. A través deste servizo promóvese a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres no concello de Lugo e que é “resultado da evolución no relativo á implantación de programas e equipamentos destinados á atención das necesidades das mulleres”.  Neste senso, a Casa da Muller cumpre cun dobre obxectivo: facilitar atención personalizada e gratuíta sobre malos tratos, vexacións, ameazas e demais tipos de violencia contra a muller; e deseñar e coordinar as políticas de igualdade de xénero do Concello.

Así mesmo, a edila recordou que este ano cúmprense 20 anos das políticas de igualdade do Concello, administración pioneira na promoción dos dereitos das mulleres en Galicia. Así o asegura a concelleira apoiándose en iniciativas cuxas consecuencias positivas aínda perduran hoxe como “a posta en marcha do primeiro Plan de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, aprobado no 2004, ou o primeiro regulamento do Foro de Participación Cidadá en materia de Igualdade de 2005”,

Programas para nenos e adolescentes

Entre as actividades e campañas postas en marcha por este servizo destacan o programa Aprende Xogando, destinado a nenas e nenos lucenses de 3 a 12 anos, orientado a favorecer a conciliación nos eidos laboral, familiar e persoal e apoiando de xeito especial ás mulleres no seu proceso de participación sociolaboral; ou o Programa Socioeducativo de prevención da violencia de xénero. Este ten como finalidade achegar á poboación adolescente novas ferramentas que axuden a potenciar o seu pensamento crítico e reflexivo ante as desigualdades de xénero e, de forma máis concreta, ante as diversas situacións de violencia machista e ante as súas consecuencias.

A iniciativa estase levando a cabo no presente curso nun total de 7 institutos do municipio e 10 colexios de educación infantil e primaria coa realización dun total de 240 sesións de 50 minutos”, apuntou a concelleira. A Casa da Muller tamén puxo en marcha o Programa de atención a menores fillos/fillas de mulleres vítimas de violencia de xénero, un programa de apoio psicolóxico promovido por persoal especializado, que inclúe sesións nas que se achegan estratexias de afrontamento e xestión emocional das súas vivenzas e apoio ás súas nais de cara a dotalas de estratexias de comprensión e conexión emocional coas súas fillas e fillos para que estas poidan reparar o dano causado pola violencia de xénero no vínculo materno-filial.

Campaña contra a submisión química

Así mesmo, dende este servizo municipal tamén se activou unha campaña contra submisión química da man dos locais do ocio nocturno e hostalaría baixo o título Diversión non é submisión, para a sensibilización e prevención contra a submisión química, onde se pon o foco nos agresores e na primeira atención as vítimas. Desenvolveuse conxuntamente coa Asociación de Hostaleiros e buscouse concienciar sobre esta nova forma de violencia machista, incrementar a protección das vítimas e facilitar a primeira atención da muller baixo os efectos da submisión química.

Por outra banda, con motivo de ocasións especiais ou efemérides, a Casa da Muller puxo en marcha diversas campañas de concienciación entre as que se atopan a conmemoración do Día da Muller e a Nena na Ciencia, a conmemoración do Día da Igualdade Salarial ou a Campaña Xogamos pola Igualdade, que se desenvolve no Nadal. Finalmente, este servizo tamén foi o encargado de confeccionar o programa de actividades con motivo do 8M e do 25N e tivo presenza no Arde Lvcvs coa instalación de dous puntos violeta, co obxectivo de levar a cabo labores de información, asesoramento, sensibilización e atención a posibles vítimas de agresión sexista. As caravanas prestaron o servizo na Praza Horta do Seminario e na Praza Maior, durante os días 22, 23, 24 e 25 de xuño, por persoal psicosocial con formación e experiencia acreditada en cuestións de xénero e violencia contra as mulleres.

0.20055294036865