A Casa da Muller de Lugo recibe unha achega de 50.000 euros
O centro de acollida para vítimas de violencia de xénero vén de recibir unha axuda de 50.000 euros da Consellería de Emprego e Igualdade co obxecto de colaborar no seu mantemento.
O centro é de titularidade municipal e está incluído na rede autonómica de centros de atención ás mulleres. O convenio, de periodicidade anual, está destinado a cofinanciar os gastos correntes derivados do funcionamento do servizo.
A rede galega de acollemento agrupa os recursos especializados, residenciais e temporais, que ofrecen a Xunta e os concellos ás vítimas de violencia de xénero; son espazos de protección no que recibir un tratamento integral que favoreza a superación dos efectos da violencia e a normalización da súa situación persoal.
Xunto ao recente acordo, a Xunta ten convenios con outros organismos e institucións, como é o caso da Universidade de Santiago de Compostela, para o desenvolvemento de medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, ou coa asociación lucense Aliad-Ultreia para o desenvolvemento de accións de información, prevención, sensibilización, atención e apoio a vítimas de violencia sexual e trata.