A Casa da Xuventude acolle este sábado a final dos Xogos Romanos de Taboleiro

LugoXa
Os centros finalistas representarán a Lugo na fase intermunicipal fronte a Xinzo de Limia
xogos-de-taboleiro
30 May 2025

O Concello de Lugo celebra este sábado, 31 de maio, ás 10:00 horas na Casa da Xuventude, a gran final da X edición dos Xogos Romanos de Taboleiro, unha proposta lúdico-educativa que forma parte das actividades previas ao Arde Lvcvs 2025 e que busca achegar o mundo romano á mocidade de forma didáctica e participativa.

Durante as últimas semanas, o alumnado de varios centros educativos da cidade participou en diferentes fases clasificatorias, e este sábado os equipos finalistas disputarán o título local. Os gañadores da final representarán a Lugo a finais de xuño na fase intermunicipal, onde competirán contra os finalistas de Xinzo de Limia, nun enfrontamento simbólico entre dúas festas de recreación histórica: o Arde Lvcvs e a Festa do Esquecemento.

Os centros educativos participantes nesta edición son:

  • - CEIP Rosalía de Castro
  • - CPR Plurilingüe Padres Franciscanos
  • - CEIP Albeiros
  • - CEIP Plurilingüe de Nadela
  • - CEIP Illa Verde
  • - CEIP Menéndez Pelayo
  • - CEIP As Mercedes
  • - Colexio Marista “A Inmaculada”
  • - CPR Salesianos Divina Pastora
  • - CEIP A Ponte

O concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, destacou a importancia desta iniciativa para fomentar o coñecemento da historia local entre a infancia e a xuventude: “Os Xogos Romanos de Taboleiro son unha ferramenta fantástica para aprender xogando. Esta décima edición consolídaos como unha actividade con gran acollida entre os centros e permite aos nenos e nenas de Lugo sentirse parte do Arde Lvcvs desde as aulas.”

Esta competición fomenta valores como a cooperación, o pensamento estratéxico e o respecto pola historia, converténdose nunha ponte entre o ámbito educativo e a festa de recreación máis emblemática da cidade.

⚙ Configurar cookies
0.13793587684631