A Casa das Insuas acolle a segunda parte do obradoiro de Apicultura Sostible

A Casa das Insuas acollerá os días 24, 25 e 26 de outubro a segunda parte do obradoiro de Apicultura Sostible, enmarcado no proxecto CAPRIF-CC. A actividade, que combina formación teórica e práctica, está dirixida tanto a persoas que xa participaron na primeira parte como a novas persoas interesadas, xa que non é necesario ter asistido previamente para inscribirse.
O programa comezará o venres 24 de outubro, de 16:00 a 20:00 horas, cun paseo práctico de identificación de polinizadores silvestres e coa sesión “Apicultura sostible compatible cos polinizadores silvestres”, que ademais será retransmitida en directo a través de YouTube dende a Casa das Insuas.
O sábado 25, a formación prolongarase de 10:00 a 14:00 e de 15:30 a 20:00 horas, centrada no manexo das colmeas, os tratamentos sanitarios ecolóxicos e convencionais, e os traballos propios de cada estación do ano, desde a renovación de ceras ata a preparación das colmeas para a invernada.
Xa o domingo 26, entre as 10:00 e as 15:00 horas, o obradoiro abordará temas como as materias primas apícolas, a produción ecolóxica, a sostibilidade económica e a comercialización dos produtos. A sesión rematará cunha práctica de cata e degustación de diferentes tipos de meles.
As persoas interesadas poden reservar praza a través do formulario dispoñible en liña. A organización destaca que esta iniciativa busca fomentar unha apicultura respectuosa coa biodiversidade, ao tempo que promove modelos produtivos máis sostibles e rendibles para o sector.