A Casa das Insuas acolle este sábado un taller de poda de vimbios

A Casa das Insuas será escenario este sábado, 17 de xaneiro, dun taller de poda de vimbios organizado pola Asociación Galega de Custodia do Territorio. A actividade desenvolverase entre as 10.30 e as 14.00 horas no salicetum deste espazo natural, situado no Prado da Ponte.
O obradoiro permitirá coñecer de primeira man o funcionamento dun salicetum, un tipo de cultivo que facilita a obtención anual de vimbios de alta calidade. Durante a xornada, as persoas participantes aprenderán técnicas básicas de poda e manexo destes cultivos, así como as claves para a súa correcta plantación e mantemento.
A iniciativa está dirixida tanto a quen teña interese en crear o seu propio salicetum, xa que poderá levar algunhas das variedades dispoñibles, como a quen desexe pasar unha mañá de traballo compartido e contacto coa natureza nun entorno singular como é a Casa das Insuas.