A casa de Manuel María convoca o segundo concurso de composicións musicais
Haberá un premio en metálico de mil euros á composición gañadora. Ademais, serán publicadas as partituras das cancións finalistas que serán distribuídas aos conservatorios de música.
Casa-Museo Manuel María vén de facer públicas as bases da segunda edición do Concurso Manuel María de Composicións Musicais. O certame ten por obxecto premiar a mellor canción lírica, para voz e piano, escrita sobre un poema de Manuel María.
O concurso está aberto á participación de todas as compositoras e compositores que o desexaren, tendo de prazo até o 15 de xuño. As composicións deberán ser orixinais, inéditas, sen estrear e cunha duración máxima de cinco minutos e mínima de dous minutos e medio. A canción presentada terá que ser sobre un poema, de libre elección da persoa concursante, de entre todos os escritos por Manuel María e estará clasificada dentro da modalidade de canción galega.
Na presente edición as composicións estarán escritas para voz de soprano con acompañamento de piano, estando previsto que isto cambie todos os anos, xa que o pasado foi para barítono.
O certame convocado conta cun único premio en metálico de mil euros para a composición gañadora ao que hai que engadir a publicación das partituras das persoas finalistas e a súa distribución gratuíta a todos os Conservatorios de Música de Galicia.
O concurso desenvolverase en dúas fases de xeito que na primeira o xurado seleccionará un máximo de catro cancións finalistas que pasarán a unha segunda fase e que se fará público o 15 de xullo. Na fase final determinarase a canción gañadora entre as designadas como finalistas na primeira fase. Para iso levarase a cabo un acto con concerto público que terá lugar no Auditorio da Casa-Museo Manuel María o sábado máis próximo ao aniversario do escritor. Por tanto, nese día e a modo de agasallo ao poeta chairego no seu aniversario, unha soprano e un pianista interpretarán as cancións seleccionadas, dentro dun recital de cancións galegas. No propio acto, após a correspondente deliberación, o xurado dará a coñecer a canción gañadora.
Manuel María é o poeta máis musicado despois de Rosalía de Castro. Os seus versos foron cantados nos máis diversos estilos musicais desde a música tradicional, folk, pop, rock, rap, música coral... interpretada por voces e grupos como Fuxan os Ventos, María Manuela, A Quenlla, Milladoiro, Berrogüetto, Uxía, Xabier Díaz, SonDaRúa, Dakidarría, Treixadura... Segundo Alberte Ansede, secretario da Fundación do escritor, “este numeroso repertorio de estilos e de voces vaise ver ampliado con este concurso que levará a poesía de Manuel María á música clásica” e que, ademais, vai supor “unha importante promoción á creación, edición e difusión dun tipo de composicións musicais non suficientemente atendidas no noso país”.