O 15 remata o prazo para presentarse ao concurso de música da casa de Manuel María
O certame ten por obxecto premiar a mellor canción lírica, para voz e piano, escrita sobre un poema de Manuel María. Haberá un premio en metálico á composición gañadora. Ademais, serán publicadas as partituras das cancións finalistas que serán distribuídas aos conservatorios de música.
O 15 de xuño finaliza o prazo para a entrega das obras participantes na primeira edición do Concurso Manuel María de Composicións Musicais, que convoca a Casa-Museo Manuel María. O certame ten por obxecto premiar a mellor canción lírica, para voz e piano, escrita sobre un poema de Manuel María.
O concurso está aberto á participación de todas as compositoras e compositores que o desexaren. As composicións deberán ser orixinais, inéditas, sen estrear e cunha duración máxima de cinco minutos e mínima de dous minutos e medio. A canción presentada terá que ser sobre un poema, de libre elección da persoa concursante, de entre todos os escritos por Manuel María e estará clasificada dentro da modalidade de canción galega.
Na presente edición as composicións estarán escritas para voz de barítono con acompañamento de piano, estando previsto que en edicións sucesivas sexan para outras voces como soprano, tenor, contralto, baixo, etc.
O certame convocado conta cun único premio en metálico de mil euros para a composición gañadora ao que hai que engadir a publicación das partituras das persoas finalistas e a súa distribución gratuíta a todos os Conservatorios de Música de Galiza.
O concurso desenvolverase en dúas fases de xeito que na primeira o xurado seleccionará un máximo de catro cancións finalistas que pasarán a unha segunda fase. Na fase final determinarase a canción gañadora entre as designadas como finalistas na primeira fase. Para iso levarase a cabo un acto con concerto público que terá lugar no Auditorio da Casa-Museo Manuel María o sábado máis próximo ao aniversario do escritor, neste ano o día 8 de outubro de 2022. Por tanto, nese día e a modo de agasallo ao poeta chairego no seu aniversario, un barítono e un pianista interpretarán as cancións seleccionadas, dentro dun recital de cancións galegas. No propio acto, após a correspondente deliberación, o xurado dará a coñecer a canción gañadora.