A Casa de Manuel María resolve a primeira fase do concurso de composicións musicais

LugoXa | TerraChaXa
As obras de Manuel Pacheco Sánchez, Luis Serrapio Fernández, Yónatan Sánchez Santianes, Manuel María Veiga Lombardía e Xosé Alfredo Oliveira Pérez disputarán o primeiro premio
actuacion-finalistas-composicions-musicais-casa-manuel-maria
16 Jul 2025

A Casa-Museo Manuel María fixo pública a resolución do Xurado da 1ª fase da IV edición do Concurso Manuel María de Composicións Musicais que ten por obxecto premiar a mellor canción lírica para voz e piano escrita sobre un poema de Manuel María.

O xurado decidiu escoller 5 composicións para pasaren á fase final, o máximo que se prevé nas Bases da convocatoria. Unha vez abertas as plicas o resultado foi o seguinte:

-Tenrura, Manuel Pacheco Sánchez, presentada baixo o lema Kosiesco.
-O meu barco, Luis Serrapio Fernández, presentada baixo o lema Marexada.
-Nas leves tardes de outono, Yónatan Sánchez Santianes, presentada baixo o lema No teu mar de tenrura.
-Eu son de Outeiro de Rei, Manuel María Veiga Lombardía, presentada baixo o lema Cepelo 29.
-Alborada, Xosé Alfredo Oliveira Pérez, presentada baixo o lema Palla de centeo.

A canción gañadora determinarase entre estas 5 finalistas para o que se levará a cabo un concerto público que terá lugar no Auditorio da Casa-Museo Manuel María o día 4 de outubro do presente ano.

O xurado estivo presidido por Margarita Viso Soto, compositora, pianista acompañante, editora de música e musicóloga. Como vogal actuou Alejo Amoedo Portela. Catedrático de Música e Artes Escénicas na especialidade de Repertorios con Piano para Instrumentos. Tamén como vogal, Julio Cabo Meseguer. Catedrático no Conservatorio Superior de Música da Coruña. Actuou de secretario, con voz e sen voto, Alberte Ansede, presidente da Fundación Manuel María.

O certame, convocado na súa cuarta edición, conta cun premio en metálico de mil euros para a composición gañadora ao que hai que engadir a publicación das partituras das persoas finalistas e a súa distribución gratuíta a todos os Conservatorios de Música de Galiza. As composicións finalistas estrearanse o día da final, o 4 de outubro, interpretadas por un barítono e un pianista dentro dun concerto público de cancións galegas e volverán soar coa repetición do concerto no Museo de Belas Artes da Coruña.

⚙ Configurar cookies
0.16463589668274