A Casa do Deporte acolle máis de cen peregrinos durante a fin de semana
O Executivo de Paula Alvarellos, a través da Concellería de Xuventude e Deportes que dirixe Jorge Bustos, habilitará durante esta fin de semana o pavillón da Casa do Deporte en horario nocturno para acoller a máis de 100 peregrinos que se atopan percorrendo o Camiño Primitivo ao seu paso polo noso municipio. A celebración do Caudal Fest e o constante e sostido fluxo turístico que recibe Lugo na recta final deste verán esgotou a práctica totalidade das prazas hostaleiras da cidade e, ante a ausencia doutras instalacións de ámbito autonómico capaces de dar este servizo aos peregrinos, o Goberno local apostou por adaptar este pavillón como lugar para facer noite.
“O obxectivo desta iniciativa é poder acoller a grupos de viaxeiros de grandes dimensións nun momento de máxima afluencia de visitantes, cumprindo así cos valores de hospitalidade que caracterizan esta práctica milenaria desde os seus inicios. Estamos seguros de que con iniciativas como esta a imaxe de Lugo como cidade acolledora sae reforzada, o que sen dúbida nos permitirá seguir gañado visitas no futuro”, explico Bustos, quen puxo en valor o importante traballo levado a cabo desde o Concello para dinamizar a economía local captando visitantes a través de diferentes iniciativas no ámbito cultural, deportivo e recreativo.
“Hoxe, Lugo é lugar que todo o mundo quere visitar e iso fainos crecer como cidade no ámbito económico e tamén no social. Esta fin de semana é un claro exemplo da nosa transformación neste eido”, afirmou o edil, quen bota en falta unha maior colaboración do Goberno autonómico para consolidar esta ruta. “Deben investir en Lugo para mellorar a infraestrutura do Camiño do mesmo xeito que o fan noutros lugares de Galicia”, asegurou o concelleiro.
A instalación situada no parque da Milagrosa abrirá de 10 da noite a 8.30 horas da mañá, dispoñerá de servizo de seguridade e as persoas usuarias poderán utilizar os baños e as duchas dos vestiarios antes de continuar a súa ruta. Este servizo extraordinario para pasar a noite non se solapará coa actividade deportiva que o complexo de Infante Elena acolle esta fin de semana. Ademais, o servizo de limpeza do pavillón cámbiase de horario para que os vestiarios estean en perfectas condicións antes das 9.15 horas, cando se espera a chegada dos primeiros equipos que competirán en horario de mañá.