A Casa do Saber acolle os concertos do Sons Creativos

LugoXa
Volve o programa de música electroacústica Sons Creativos os días 20, 21 e 22 de outubro na Casa do Saber.
Sons Creativos portada
17 Out 2022

Volve o programa de música electroacústica Sons Creativos que ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo, desenvolverase os días 20, 21 e 22 de outubro na Casa do Saber.

Efraím Díaz, David Bellas e Iván Abal abrirán o xoves 20, a partir das 19.00 o menú musical dos 14º Sons Creativos co concerto Arte sonora e tradición, un programa a través do que o público poderá gozar cos sons da gaita e da gaita de fol, así como do pito pastoril e da zanfona. Efraím Díaz aproveitará a primeira parte da sesión para presentar o seu particular paseo sonoro por Galicia Viaxe por kallaikía, un traballo audiovisual que percorre as catro provincias galegas e dá conta dos sons tradicionais das percusións galegas.

De seguido, o músico lugués interpretará Espectro branco, unha peza na que xunta o pito pastoril coa música ao vivo dunha pedaleira electrónica. David Bellas dará continuidade a esta xornada sonora coa peza de Steve Reich para gaita e pito Clapping Music, trala que interpretará as obras sonoras Marcapáxinas, É rama na maré e Viveiro1540 (Miniaturas). Xa en compañía de Iván Abal (zanfona), a primeira xornada dos 14º Sons Creativos servirá tamén para a estrea da composición Et suseia.

O segundo dos tres concertos nos que se estrutura este evento de arte sonora e música  electroacústica desenvolverase o venres 21, a partir das 20.30, na Casa do Saber, coa intervención de Mónica Álvarez, Maha Prakitri e José Manuel Vázquez. A coordinadora do Grupo de Creación Sonora da USC (GCSUS), Inmaculada Cárdenas pechará o sábado ás 20.30 o programa de Sons Creativos co concerto Recreacións, nunha sesión na que tamén intervirá Juan Antonio Lleó. A asistencia a todos os concertos é libre e de balde ata completar aforo.

Sons Creativos
0.041070938110352