A Casa Museo de Manuel María convoca de novo o concurso de videopoemas

TerraChaXa | LugoXa
A Casa-Museo Manuel María organiza unha nova edición do concurso de videopoemas, a VII, que ten por finalidade a potenciación da creatividade artística a través da conxunción da palabra, o son e a imaxe, e o coñecemento e difusión da obra de Rosalía e Manuel María.
5 Feb 2024

A Casa-Museo Manuel María organiza unha nova edición do concurso de videopoemas, a VII, que ten por finalidade a potenciación da creatividade artística a través da conxunción da palabra, o son e a imaxe, e o coñecemento e difusión da obra de Rosalía e Manuel María.

O concurso vai destinado a todo o alumnado galego de ensino non universitario a partir da ESO, podendo facelo tanto a nivel individual como grupal. Estabelécese unha única categoría, desde a ESO até segundo de Bacharelato, ESA e Ciclos Formativos.

Os videopoemas consistirán nun vídeo baseado nunha composición poética en galego de Rosalía ou de Manuel María. O poema deberá aparecer nalgún momento do videopoema, ben sexa impreso, recitado ou en calquera outra opción que se considere.

Os videopoemas presentaranse en formato MP4 e non poderán superar os 3 minutos, incluídos créditos se os houber. As obras deben ser orixinais e inéditas. En caso de usar música ou imaxes alleas, deberán ser materiais libres de dereitos de autoría.

Os centros participantes deberán realizar a súa preinscrición antes de 19 de marzo por correo electrónico en contacto@casamuseomanuelmaria.gal. Os traballos serán enviados por calquera medio dixital á Casa- Museo Manuel María antes de 14 de abril, mais sempre deberá ser comunicado dito envío ao enderezo electrónico seguinte: contacto@casamuseomanuelmaria.gal.

A Casa-Museo comunicará antes do día 3 de maio os videopoemas seleccionados como finalistas.

O xurado estará composto por tres persoas alleas aos centros participantes e vencelladas ao ámbito da literatura e a creación audiovisual, que visionarán os traballaos o 11 de maio, nunha xornada pública.

O xurado estabelecerá os que, ao seu xuízo, son os dous mellores traballos presentados, atribuíndoselles como premio unha tablet para cada un. Os premios son únicos, independentemente do número de persoas que participen na realización dos videopoemas premiados.

Todas as persoas participantes que fosen seleccionadas para a fase final recibirán un diploma por participaren así como un libro de Manuel María.

0.17015600204468