A casa museo de Manuel María fai balance do 2023, no seu décimo aniversario

TerraChaXa | LugoXa
A amplitude e diversidade das actividades desenvolvidas, así como a resposta do público aparecen recollidas nun vídeo editado pola entidade.
casa museo manuel maria
6 Xan 2024

A amplitude e diversidade das actividades desenvolvidas, así como a resposta do público aparecen recollidas nun vídeo editado pola entidade. Volve abrir as súas portas o sábado 13 de xaneiro, tras as festas de Nadal.

No ano 2023 fixéronse 10 anos da apertura da Casa-Museo Manuel María. Foi un 7 de setembro de 2013 cando este equipamento cultural abriu as súas portas ao público, despois de que a Fundación que leva o nome do escritor adquirise a súa casa natal e a acondicionase para a nova función. “Este 2023 foi un feliz aniversario pois o nivel de actividade e a diversidade de públicos aos que chegamos xa é moi importante” declarou Alberte Ansede, persoa que asumiu a presidencia da entidade despois do falecemento de Saleta Goi, viúva do escritor, no ano 2022. Tamén engadiu que no ano 2023 se puxo especialmente de manifesto a solidez e consolidación do traballo da entidade, tanto no referido ás visitas á Casa-Museo como no sentido de “termos construído un público fiel que frecuenta as nosas actividades e para quen somos un referente cultural de primeira orde”, sentenciando, ademais, que “parece que sempre estiveramos aí pois xa formamos parte indiscutíbel da paisaxe cultural da contorna, e máis aló dela”.

O conxunto desta actividade contou co apoio da Deputación de Lugo. Para trasladar publicamente ese balance anual, a Casa-Museo apoiouse nun pequeno audiovisual que escolma o traballo feito.

Na valoración do sucedido no 2023 destaca en primeiro lugar o importante incremento das visitas á Casa-Museo tanto das familias como, sobre todo, dos centros escolares de toda Galiza aínda que con predominancia de Lugo e da Coruña.

Non menos destacábel é a amplitude das actividades culturais desenvolvidas, sostendo unha programación regular todos os sábados con gran diversidade de propostas: música, cine, teatro, narración oral, poesía, certames escolares, outros certames artísticas de música e teatro, clubs de lectura, presentación de libros... Esta diversidade de propostas arrequeceu a diversidade de públicos e a súa amplitude, quer no tramo de persoas adultas, quer no infantil-xuvenil.

No ámbito da música o público puido desfrutar de estilos tan diferentes como os representados por Paraíso Canto, Zurrumalla, De Ninghures, Minguante, Faia Díaz e Benxamín Otero, o fado de Iria Estévez, Zumaque, Nimbos, Verónica Codesal con 100 voltas, Son de Corda, Berlai, Paco Nogueiras, Brais das Hortas ou Pakolas. Tamén dentro do ámbito musical destacou a celebración dunha nova edición do Concurso Manuel María de Composicións Musicais para música lírica, que nesta edición foi para composicións de soprano e piano.

A narración oral tamén tivo o seu protagonismo coa participación destacada de Quico Cadaval, María de Pontragha, Bea Campos, Ángeles Goás ou Paco Campos.

Igualmente incrementouse a presenza do audiovisual, desde a proxección dos filmes e documentarios como “Julia”, “Arredor da Roda”, “Ronsel de futuro: historias soterradas” ou a realización dun capítulo de “Desertores do asfalto” da TVG.

Un ano máis, e superado o intervalo da pandemia, os concursos escolares de recitado Rosalía, sempre viva e de realización de videopoemas volveron a recuperar todo o seu esplendor, acadando cifras récord de concorrencia.

No ámbito teatral, ademais da actuación de grupos con longa traxectoria como Alakrán e Trécola, o máis salientábel foi o comezo da xira por máis de 40 concellos galegos da obra O Auto do Castromil, dirixida por Quico Cadaval e levada á escena por Producións Excéntricas sobre un texto de Manuel María. Esta obra foi a que resultou gañadora da 3ª edición do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais convocado pola nosa Fundación conxuntamente con diversos concellos galegos e deputacións.

Pola súa parte, o Convivio da Cultura Galega, romaría popular que chegou á súa décima edición, tamén superou a xa importante participación de anos anteriores e consolidouse como unha referencia dentro do rico panorama deste tipo de eventos na Terra Chá.

A importancia que para nós ten a aproximación do público á literatura concrétase no mimo co que coidamos os dous clubs de lectura constituídos, o xuvenil e o adulto. No 2023 a novidade foi que, ademais da lectura dun monte de libros, produciuse o intercambio con outros clubs, en concreto de Foz, A Coruña e Alfoz.

Non faltaron tampouco a presentación de traballos literarios e de divulgación de Eva Teixeiro, María Xosé Lamas, Manuel Ferreiro e Xoán Costa, as camiñadas literarias e descubertas do patrimonio natural e cultural da comarca da Terra Chá ou as actividades realizadas en outros lugares diferentes como é o caso destacado da XIV edición das Lúas de Outono, celebrada no teatro Rosalía Castro da Coruña.

Esta intensa actividade levada a cabo pola Casa-Museo durante o ano 2023 foi finalmente valorada por Alberte Ansede como “un intento de darlle continuidade ao esforzo de Manuel María por facer chegar a cultura galega aos últimos recantos do País”, engadindo que “como legatarios da súa obra temos o deber de loitar polos valores que defendía Manuel María, entre os que se atopa o dereito irrenunciábel a vincularnos á nosa lingua e cultura propia”.

Por outra parte, a Casa-Museo Manuel María, tras a pausa realizada polas festas do Nadal, volverá abrir as súas portas para recibir visitas o sábado 13 de xaneiro, no seu horario habitual.

0.19979691505432