A Casa Museo de Manuel María organiza unha andaina por Vicinte este domingo

LugoXa | TerraChaXa
Dinamizada polo divulgador cultural Orlando Viveiro, ten unha distancia de oito quilómetros e unha dificultade baixa
capela-de-san-marcos-san-clodio-outeiro
4 Jun 2025

Este domingo, 8 de xuño, a Casa-Museo Manuel María organiza unha camiñada por Vicinte, no concello de Outeiro de Rei. A descuberta do patrimonio arqueolóxico, artístico e natural desta parroquia que linda co concello de Friol e de Lugo será o fío condutor da ruta que será acompañado, nas distintas paradas, por textos e poemas de Manuel María.

A camiñada, dinamizada polo divulgador cultural Orlando Viveiro, ten unha distancia de oito quilómetros e unha dificultade baixa. O seu inicio está programado para as 9.45 (previamente, ás 9.30, os participantes quedarán na Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, para se trasladar en coche até o campo da festa de Vicinte).

No decorrer do itinerario visitarase a madorra de Bravos, que conserva a cámara do enterramento, para baixar até un muíño situado no río Narla. A seguir, irase á capela de Nosa Señora, construción románico-gótica onde houbera unha confraría chamada "do rosario" que tivera como base este santuario. Despois a ruta encamiñarase na procura da cruz do Camiño de Piares e de alí os participantes irán cara á capeliña de San Marcos, situada no lugar de San Clodio, para, finalmente, andar o derradeiro tramo que volverá ao punto de inicio da ruta.

A actividade é gratuíta. As persoas interesadas en participar deben inscribirse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.

⚙ Configurar cookies
0.17844796180725