A Casa-Museo Manuel María afonda na historia da música pop en galego

LugoXa | TerraChaXa
Pepe Cunha repasará este sábado os fitos e pioneiros da música moderna en galego, nun encontro con acceso libre e reserva previa
Pepe-Cunha
4 Nov 2025

A Casa-Museo Manuel María acolle este sábado, 8 de novembro, ás 19 horas, unha palestra centrada na historia da música pop en galego. O relator será Pepe Cunha, responsable de Ábrete de Orellas, un proxecto de divulgación musical.

O actual auxe das músicas cantadas en galego servirá de punto de partida para que Cunha faga unha viaxe retrospectiva e poña en valor ás figuras que abriron camiño neste ámbito, derrubando prexuízos e superando obstáculos.

A intervención repasará os principais fitos e nomes que marcaron o desenvolvemento deste estilo desde os anos sesenta ata a actualidade, incluíndo pioneiros, proxectos singulares, estilos e movementos. Grupos e artistas como Los Tamara, Andrés do Barro, Voces Ceibes, o MPCG ou o movemento Bravú protagonizarán esta revisión histórica, que incluirá tamén a escoita dalgunhas das súas cancións.

Pepe Cunha lidera desde hai 25 anos o espazo Ábrete de Orellas, recoñecido cos Premios Martín Códax en 2016 e 2018 ao mellor programa de comunicación musical. Nado como programa radiofónico, o proxecto ofrece semanalmente unha nova entrega de sesenta minutos emitida a través da Rede Galega de Radios Libres e Comunitarias e doutras emisoras locais e plataformas dixitais. Cunha é tamén autor do libro Guadi Galego. Pola beira da canción (Embora, 2019) e responsable de iniciativas expositivas como #cantáMOLAengalego ou #GaleGoza, así como colaborador habitual en prensa, debates e xurados musicais.

⚙ Configurar cookies
0.073520183563232